O BNG da Coruña insta a que o Concello e o Deportivo solucionen as súas diferenzas
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, insta o Goberno Local e o Deportivo a que superen as súas diferenzas e a que o fagan partindo de dúas premisas: o Concello debe colaborar co club no seu retorno ao fútbol profesional, mais o estadio de Riazor é un ben público “e naturalmente o interese público debe ser preservado”.
Jorquera expresou “de novo” o malestar que lle produciu ao BNG a ausencia do Deportivo na recepción institucional que lle ofrecía onte o Concello no Pazo de María Pita.
“O Concello é unha institución que representa a toda a cidade. Na Corporación están representadas todas as coruñesas e os coruñeses”, afirma o voceiro nacionalista.
As relacións “entre o Deportivo como institución e o Concello como institución”, remarca, “deben estar por riba das diferenzas puntuais que poida haber nestes momentos á hora de negociar o novo convenio de uso do estadio municipal de Riazor”.
No Dépor, enfatiza, “sentímonos representadas todas as coruñesas e os coruñeses. Todos queremos o mellor para o Dépor e, por tanto, todos queremos que o Concello colabore co club após o logro dun ascenso tan desexado”.
Mais ao mesmo tempo a colaboración co Deportivo debe partir dunha premisa evidente ao ollos do BNG: o estadio de Riazor é municipal, é un ben público “e, polo tanto, o interese público debe ser preservado”.
“Polo tanto, instamos o Goberno Local e o Deportivo a que negocien coa mellora disposición para superar as súas diferenzas e sempre partindo destas consideracións: é necesario e desexábel que o Concello colabore co club, mais tamén cómpre preservar o interese público cando estamos a falar do uso dun ben público”, conclúe.