O BNG da Coruña inquire ao goberno local sobre o plan de recuperación de ruínas en varias rúas da cidade

ACoruñaXa
A actuación persegue a recuperación de inmobles nas rúas Damas, Santo André, Santa Lucía, Orzán, Pastoriza e Herrador
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
21 Jun 2024

A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha batería de preguntas por escrito en relación ao desenvolvemento do Plan de Recuperación de Ruínas, un conxunto de actuacións cuxa posta en marcha foi anunciada polo Goberno Local en xaneiro de 2023.

En teoría, o plan persegue a recuperación de edificios, soares e inmóbeis abandonados cuxas persoas propietarias incumpren as súas obrigas de mantemento, de acordo cos prazos e condicións impostos pola lexislación.

Veira quere saber en que fase do plan se atopan os distintos inmobles contemplados neste plan de ruínas: o da rúa Damas, os dos número 72, 130 e 202 da rúa do Orzán, o do número 140 da rúa Santo André, o do número 4 da rúa Pastoriza, o do número 8 da rúa Santa Lucía, ben como o soar da rúa Herrador.

De resto, a concelleira inquire o Goberno Local se se ten solicitado a licenza de rehabilitación para algún destes inmóbeis e se algúns destes edificios teñen mudado de persoa propietaria.

Na exposición de motivos desta batería de preguntas escritas, esclarece Veira que o Plan de Recuperación de Ruínas establece que, nun prazo de seis meses despois da declaración de incumprimento das obrigas dos propietarios, o inmóbel sacaríase a poxa pública. Se esta ficar deserta, volveríase poxar nun prazo de tres meses e cunha rebaixa de 25%. Se mesmo así non se vender, daquela o Concello podería facerse coa propiedade con esa rebaixa.

Nese sentido, Veira enfatiza que “é moi importante que o Concello acabe tendo un potente parque de vivendas municipais, dado o grave problema habitacional que padece a cidade. Desde logo a vía para o resolver pasa por que as institucións, as administracións, teñan cada día máis vivenda pública para a pór á disposición da xente que a precisa”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19848608970642