O BNG da Coruña fai unha valoración "positiva" dos resultados do partido na cidade nas elección europeas
Este mañá de luns o BNG da Coruña fixo unha valoración dos resultados das eleccións europeas celebradas onte. “Queremos expresar a nosa satisfacción polo éxito acadado polo BNG este 9 de xuño, quer no conxunto do país, quer na cidade da Coruña”. Nestes termos avalía o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, os resultados tidos polo Bloque nas eleccións ao Parlamento europeo.
“É para estarmos satisfeitos e satisfeitas. Non só polo BNG, senón tamén polo país. Galiza vai ter voz propia, a través de Ana Miranda, no Parlamento europeo nos vindeiros 5 anos. Volvemos ter un escano de país”, remarcou Jorquera.
En particular, Jorquera mostra unha grande “satisfacción” polos resultados acadados na Coruña.
“Pese a que nestas eleccións houbo bastante menos participación que en 2019, na Coruña o BNG subiu 3.264 votos e máis de 5 puntos porcentuais”, salienta.
“Son uns resultados que volven confirmar claramente a tendencia á alza do BNG na cidade da Coruña”, conclúe.