O BNG da Coruña fai un valance "moi crítico" do primeiro ano de mandato
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, mostrouse “moi crítico” á hora de avaliar o primeiro ano do mandato 2023-2027.
“Parécenos moi pobre o balance que o Goberno Local pode presentar este primeiro ano de mandato”, dixo Jorquera nunha conferencia de prensa en que estivo acompañado polo resto de integrantes do grupo municipal nacionalista: Avia Veira, Mercedes Queixas e David Soto.
Dous trazos caracterizan, a xuízo do BNG, o balance de xestión do goberno presidido por Inés Rey no ano transcorrido desde as eleccións municipais de maio de 2023: “A falta de diálogo e a inacción á hora de resolver as múltiples tarefas que o Concello ten por diante”.
Canto á falta de diálogo, Jorquera pon o acento en que o PSOE fixo unha “lectura equivocada” do resultado das eleccións de maio de 2023, o que o conduciu a unha “actitude de autocompracencia e acomodación”.”En 2023, o PSOE nin gañou as eleccións nin sumou máis apoios”, resaltou. E completou: “De feito, das tres forzas que obtivemos representación, foi a única que baixou en votos a respecto de 2019”.
E, porén, ao longo deste último ano “o PSOE gobernou como se tivese maioría absoluta, sen procurar nin o diálogo nin o consenso”, censurou. E, o que é aínda máis grave, “sen escoitar nin dialogar coa cidadanía”. Nese sentido, o BNG constata que no tecido asociativo coruñés circula unha queixa unánime: “A de que cando queren falar co Goberno Local moitas veces reciben a calada por resposta”.
Alén da falta de diálogo, desde o principio de mandato o BNG criticou a estrutura de goberno pola que optou Inés Rey, con concelleiros de primeira e concelleiros de segunda, “e cunha grande concentración de poder” en poucas mans.
“Advertimos de ese modelo non ser o mellor para garantir a eficacia e agora estamos a constatar as consecuencias, agravadas polas irregularidades que afectan a un deses concelleiros”, acrecentou.
Esa estrutura de goberno -ao facer depender a acción executiva de moi poucas persoas- necesariamente desembocou nunha xestión caracterizada pola lentitude, a falta de impulso e a parálise.
“E a consecuencia é a desatención ás cuestións do día a día, con moitos servizos municipais prestados en precario porque os contratos caducaron sen previsións reais de cando se vaian licitar as novas concesións”, alega Jorquera. O paradigma é Nostián -co contrato caducado desde decembro de 2019- ou os “déficits evidentes” nos servizos de limpeza e mantemento, “con problemas enquistados que continúan sen se resolver”.
Déficits que tamén se perciben na xestión de organismos e entidades municipais como EMVSA, o IMCE, o Consorcio para a Promoción de Turismo ou o Consorcio para a Promoción da Música.
Os impagos do IMCE
A situación do IMCE, marcada por unha inxente cantidade de facturas pendentes de pagamento, merece un comentario aparte.
E meréceo porque, despois de o BNG ter solicitado o acceso a esas facturas e de as ter revisado, a conclusión é que o diñeiro pendente de pagamento alcanza os 4,3 millóns de euros, case 700 mil máis do recoñecido en primeira instancia polo Goberno Local.
“Hai que resolver esta situación de inmediato. Está en xogo a pervivencia de moitas pequenas empresas e traballadores autónomos do sector da cultura”, urxe Jorquera.
É tan grave a situación, enfatiza, que o BNG lle comunicou ao Goberno Local que non vai ter o seu apoio para ningunha iniciativa mentres non “se proceda a modificar os orzamentos” con vistas a saldar todas as débedas co tecido cultural.
Acordo de investidura e de orzamentos
As críticas do BNG esténdense tamén ao grao de cumprimento do acordo de investidura.
E así, no que atinxe ao acordo de investidura, Jorquera relacionou a ausencia de avances en asuntos como a licitación do novo concurso de Nostián, a investigación da trama do STL, a revisión do mapa de liñas de buses e ampliación de horarios e frecuencias, a regulación de vivendas de uso turístico, a creación do Consello Económico e Social, a ordenación das terrazas ou a posta en andamento duns servizo de asesoramento aos inquilinos.
Tampouco se ven pasos adiante para o cumprimento de compromisos situados máis no medio prazo, como o impulso da área metropolitana, o inicio da modificación do PXOM no relativo ás Percebeiras, Parque da Agra e Canteira de Durmideiras, a posta en marcha dunha bolsa de baixos en aluguer e -xa na relación con outras administracións- a negociación dunha Autoridade Única de Transportes da Área da Coruña ou a cesión gratuíta do antigo cárcere.
En calquera caso, reiterou Jorquera que o que asinou o BNG co Goberno Local é un acordo de investidura e non un acordo de mandato e, por tanto, o Bloque está na oposición e ten “a lexítima aspiración de ser alternativa ao actual goberno”.
De resto, e xa para concluír, o portavoz nacionalista esíxelle ao Goberno Local “que atenda os asuntos do día a día” e que “non deixe a cidade desatendida”, para o cal ten que comezar a practicar o diálogo e saír da parálise e a inacción.