O BNG da Coruña esixirá no próximo pleno a aprobación inmediata da Ordenanza das Terrazas

ACoruñaXa
Avia Veira critica o atraso na regulación da ocupación do espazo público e alerta sobre as concesións caducadas na Praza de María Pita
BNG Coruña pleno 18 diciembre
6 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao pleno do próximo xoves unha proposta urxente para que o Goberno local cumpra co compromiso de aprobar a Ordenanza das Terrazas. Este documento, pendente desde o Acordo de Investidura entre o BNG e o PSOE, busca regular a ocupación do espazo público na cidade, especialmente nas rúas peonís e beirarrúas.

“Pode explicar Inés Rey cal é a súa prioridade respecto da ocupación do espazo público na Coruña?”, preguntará a concelleira Avia Veira durante o pleno. Segundo Veira, é fundamental unha regulación que elimine os atrancos ao tránsito de carros de bebés, cadeiras de rodas e vehículos de emerxencia. A normativa tamén debería resolver o uso das prazas de aparcamento por parte das terrazas e garantir o acceso aos portais das veciñas e veciños, ademais de facer cumprir os horarios establecidos.

Un punto especialmente delicado para o BNG é a situación na Praza de María Pita, onde as concesións das terrazas cubertas están caducadas desde hai anos. “É inadmisible que un espazo tan emblemático continúe nunha situación de irregularidade”, denunciou Veira, cualificando a inacción do Goberno local como “grave”.

“A política de Inés Rey sobre a ocupación do espazo público non pode seguir sendo de improvisación. É necesaria unha normativa clara e efectiva para garantir o interese público”, concluíu a representante do BNG.

0.15844917297363