O BNG da Coruña esixirá información sobre a xestión de aparcadoiros municipais
O BNG da Coruña denuncia que catro aparcadoiros de titularidade municipal, situados nas prazas de María Pita, Mestre Mateo, San Cristovo e Galiza levan sen contrato desde 2019 sen que nestes 5 anos o Goberno Local optase pola xestión directa ou tomase ningunha decisión para volvelos sacar a concurso.
Así o denuncia a través dunha batería de preguntas por escrito a nosa concelleira Avia Veira. “O Goberno Local en minoría de Inés Rey non ten unha política digna de tal nome en materia de aparcadoiros públicos de titularidade municipal”, critica. “Que saibamos, están sen contrato os das prazas María Pita, Mestre Mateo, San Cristovo e Galiza, desde que en 2019 a Xunta de Goberno Local acordou resolver eses contratos”, engade.
A eficacia do acordo da Xunta de Goberno Local ficaba demorada “até que o Concello asumise a xestión directa dos aparcamentos e en todo caso no prazo máximo de seis meses”.
Pero cinco anos despois, dende o BNG, apuntan que nin se asumiu a xestión nin se licitou unha nova concesión.
O BNG xa rexistrou preguntas por escrito sobre este asunto en 2020 e 2022. “A resposta foi sempre que se estaba a estudar o tema. Mais até hoxe. Abonda xa de escusas!”, di a concelleira nacionalista.
Cinco anos despois, resalta, “non sabemos quen ingresa o que se paga por usar eses aparcadoiros nin quen ten contratadas as persoas que traballan neles”.
Alén da situación destes catro aparcadoiros, o BNG interésase tamén polo aparcadoiro da praza Luís Seoane-As Paxariñas, cuxa xestión foille encomendada á Empresa Municipal Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), con varias prórrogas sucesivas, despois de resolver o contrato coa concesionaria. A última prórroga caduca o vindeiro 30 de abril.
Veira tamén inquire o Goberno Local sobre que pasos deu para lle reclamar á empresa concesionaria do aparcadoiro de Vioño “as cantidades que lle debe ao Concello [segundo informacións xornalísticas os impagos remóntanse a 2008] en concepto de canon”.
En definitiva, considera Veira que “a política de aparcadoiros públicos é unha pata fundamental no deseño da mobilidade da cidade”. Neses equipamentos, cuxos prezos deben ser “asequíbeis” para as veciñas e veciños, ten que haber espazos para aparcabicis cubertos e facilidades para que se vexa favorecido o tecido comercial dos barrios en cuestións como determinadas operacións de carga e descarga, conclúe a concelleira.