O BNG da Coruña esixe mellorar a conexión por bus coa estación provisional dos camiños de ferro
O BNG levará ao Pleno deste xoves unha moción para esixir melloras urxentes na conexión por autobús coa estación provisional dos camiños de ferro, instalada como parte das obras da intermodal. A concelleira nacionalista Avia Veira denunciou que a comunicación por transporte público coa terminal é deficiente, e que o Goberno local tivo tempo abondo para “acomodar” o servizo á nova situación, mais non o fixo.
Veira destacou que as paradas actuais na contorna da estación “non son axeitadas para atender unha infraestrutura con tanta demanda”, e criticou que nin as frecuencias, nin os horarios, nin as liñas dispoñibles están á altura das necesidades dos usuarios. "En todo o tempo que levou a licitación das obras da intermodal, o Goberno de Inés Rey non pensou en como garantir un transporte público colectivo eficiente para a estación", lamentou na exposición de motivos da moción.
Entre as medidas propostas, o BNG solicita que se instale unha marquesiña ampla na parada da Avenida do Ferrocarril número 14 e que se amplíe a xa existente na parada do número 33. Tamén piden que o Goberno local inste á Compañía de Tranvías a adaptar os horarios e frecuencias das liñas de autobuses que dan servizo á zona, de maneira que estean mellor coordinados cos horarios dos trens.
Ademais, a moción inclúe a creación de itinerarios peonís seguros e accesíbeis, ben delimitados das obras e do tráfico, para facilitar o acceso á estación ferroviaria provisional de forma cómoda e segura para os usuarios. "Non podemos permitir que a falta de previsión siga a prexudicar as persoas que dependen do transporte público", subliñou Veira.
Por último, o BNG lembrou que estas carencias non só afectan os usuarios habituais do tren, senón tamén a imaxe da cidade como punto de conexión ferroviaria. "A construción da intermodal debería supor un avance para A Coruña, pero a realidade é que a falta de planificación está a converter este proceso nun obstáculo para os usuarios e usuarias", concluíu Avia Veira.