O BNG da Coruña esixe ao goberno local aclaracións sobre os intereses de Pardo de Vera no plan das Xubias

ACoruñaXa
Avia Veira alerta sobre a opacidade do nomeamento de Pardo de Vera como directora técnica do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050 e demanda transparencia sobre posibles conflitos de intereses
Imaxe do barrio coruñés das Xubias
Imaxe do barrio coruñés das Xubias
11 Xul 2024

A concelleira do BNG Avia Veira pídelle explicacións ao Goberno Local sobre o feito de a directora técnica do Plan Estratéxico para A Coruña 2030-2050, Isabel Pardo de Vera, ter intereses no fondo de investimentos co que o Concello anunciou un convenio para a realización do Plan das Xubias.

“O Goberno Local terá que explicar publicamente, porque así llo imos esixir desde o BNG, se a señora Pardo de Vera está a incorrer nun conflito de intereses ou incompatibilidade”, di Veira.

A concelleira salienta que o Plan das Xubias foi presentado como estratéxico por parte da alcaldesa e o concelleiro José Manuel Lage, responsábel político precisamente dos proxectos estratéxicos.
Para o BNG, que Pardo de Vera dirixa o Plan 2030-2050 e á vez teña intereses nun fondo de investimentos co que o Concello vai asinar un convenio para desenvolver un proxecto tamén considerado estratéxico resulta “como mínimo moi pouco ético”.

Ademais, remarca, unha “opacidade absoluta” paira sobre o nomeamento de Pardo de Vera como directora técnica –“que tería consideración de órgano directivo do Concello”. “O nomeamento non pasou pola Xunta de Goberno Local, non se publicou no Boletín Oficial da Provincia, non sabemos que posto da Relación de Postos de Traballo vai cubrir, canto vai cobrar, de onde vai saír ese salario, como tampouco sabemos que traballo realizou desde o anuncio do impulso do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050”, sinala.

“Este grupo municipal non vai consentir que esta cidade se goberne desde os intereses persoais de ninguén e desde a máis absoluta falta de transparencia e ética política”, conclúe.

0.088325977325439