O BNG da Coruña denuncia unha folga encuberta no servizo de recollida de lixo
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o STL está levando a cabo unha folga encuberta no servizo de recollida de lixo na Coruña. Esta situación está a xerar que en distintos barrios da nosa cidade non se recolla o lixo dende hai tres días e haxa numerosos contedores totalmente desbordados.
O BNG reitera en que ten denunciado en múltiples ocasións os incumprimentos nas condicións da prestación do servizo pola até agora concesionaria, sen que o Goberno local teña imposto as penalidades pertinentes. "A todo isto" -salienta o portavoz ncionalista no Concello, Francisco Jorquera, "súmanse as prácticas chantaxistas dun determinado grupo que segue recorrendo á realización de folgas encubertas como mecanismo de presión para manter o seu control sobre os criterios de contratación do persoal e a súa promoción interna".
É por isto que o BNG lembra, máis unha vez, que os criterios de contratación do persoal e de promoción interna non son competencia dun grupo, senón da aínda concesionaria do servizo, e é deber do Concello velar pola equidade e transparencia non criterios de contratación.
Por iso instan ao Goberno local a que dea cumprimento á moción que, a iniciativa do BNG, foi aprobada por unanimidade no último pleno do Concello. Nesta moción, entre outras cousas, emprazábase o Goberno local a que nos servizos de limpeza e recollida do lixo, en tanto non se producir a reordenación dos contratos, se vixíe de xeito estrito o cumprimento por parte da concesionarias das condicións estabelecidas para a súa prestación, impoñendo as penalidades pertinentes ante os incumprimentos que se constaten.
Igualmente na citada moción, urxíase o Goberno Local a que dese cumprimento ao compromiso estabelecido no acordo de investidura de abrir un proceso de investigación para determinar se as empresas concesionarias dos servizos de limpeza e recollida de lixo se inhibiron das súas responsabilidades no que ten a ver coa política de contratación e promoción do persoal.