O BNG da Coruña denuncia que o crédito extraordinario do IMCE queda fóra do pleno de maio

ACoruñaXa
Os nacionalistas lle piden ao Goberno Local que, no prazo máis breve posible, prepare unha modificación dos orzamentos do IMCE que si cumpra todos os requisitos
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera.
26 Abr 2024

O crédito extraordinario do IMCE non figurará finalmente na orde do día do Pleno do vindeiro xoves 2 de maio após o grupo municipal do BNG lle ter transmitido ao Goberno Local que non o iría votar a favor por non contemplar o pagamento de todas as facturas pendentes e por contar con reparos do interventor.

“Transmitímoslle ao Goberno Local, teño que lembrar que o Goberno Local está en minoría, que non íamos facilitar no Pleno a aprobación da proposta de modificación dos orzamentos do IMCE, Non só polas múltiples irregularidades que contiña o expediente e que mereceron os reproches da Intervención, senón porque, utilizando un coloquialismo, esa proposta era unha auténtica chafallada”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

A ese respecto, lembra Jorquera que o crédito extraordinario, nos termos en que foi á reunión do Consello Reitor do IMCE realizada onte, non contemplaba o pagamento de todas as facturas pendentes. Ficaban fóra pagamentos por valor de arredor de un millón de euros. “Iso obrigaría a ter que facer en breve un novo modificativo e crearía unha situación de agravio, con moitos artistas, con moitas empresas, que continuarían sen cobrar”, argúe o voceiro nacionalista.

É por isto que o BNG lle pide ao Goberno Local que, no prazo máis breve posible, prepare unha modificación dos orzamentos do IMCE que si cumpra todos os requisitos -incluído un informe da Asesoría Xurídica- e que, por tanto, contemple “todas as facturas pendentes” e tamén “unha dotación para gastos que o IMCE vai ter que afrontar en breve, por exemplo as festas do verán”.
Se o Goberno Local así o fixer, se as cousas se fixeren con xeito, o BNG está disposto “a facilitar a aprobación desa modificación”, para evitar “danos a terceiros”.

“Iso foi o que lle transmitimos ao Goberno Local e por esa razón o asunto non irá ao Pleno do vindeiro xoves”, conclúe Jorquera.

0.18447589874268