O BNG da Coruña denuncia que o contrato do guindastre do porto leva tres anos caducado
O Grupo Nacionalista Galego da Coruña denuncia que o contrato do guindastre leva tres anos caducado e sen que a Xunta do Goberno local abordase aínda a súa nova licitación.
Neste sentido, os nacionalistas sinalan que o último paso dado pola Xunta de Goberno Local en relación ao servizo de retirada, inmobilización e depósito de vehículos rexistrouse o 15 de xullo de 2020. Nesa altura, o Executivo coruñés acordou conceder a “segunda e última prórroga” do contrato á concesionaria para o período comprendido entre o 31 de xullo de 2020 e o 30 de xullo de 2021.
O custo da prórroga ascendeu a 1,3 millóns de euros: 442 mil euros para o que restaba de 2020 e 873 mil para a anualidade 2021.
Deste xeito, vai por tanto para tres anos que o contrato está caducado sen que conste que o Goberno Local fixese ningún movemento durante este tempo para regularizar a situación, isto é, para sacar o servizo de novo a concurso.
É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha batería de preguntas ao Goberno Local interesándose por esta cuestión: “Ten xa os novos pregos redactados? Cando prevé ter adxudicado este servizo?” son algunhas das cuestións que formula Veira, quen a seguir quer saber se o Goberno Local “ten pensado introducir novidades a respecto da xestión actual”.
De resto, a concelleira nacionalista inquire o Executivo coruñés polas razóns en virtude das cales este contrato “leva 3 anos caducado”.