O BNG da Coruña denuncia a "grave" situación do Centro de Orientación Familiar de Orillamar
A concelleira do BNG na Coruña Mercedes Queixas considera “grave” a situación pola que está a atravesar o Centro de Orientación Familiar de Orillamar (un servizo de xestión partillada entre o Sergas e o Concello) e atribúe ao Goberno Local a responsabilidade de o seu cadro de persoal estar incompleto, con vacantes sen cubrir, o que obviamente resulta na degradación dun servizo que é básico para o coidado das mulleres.
“A situación é grave. O COF non dispón de psicóloga clínica desde a xubilación de titular en maio de 2023, cuberta apenas de forma temporal, co que isto representa de precarización na atención da saúde das mulleres”, expón Queixas no texto da moción que leva ao Pleno deste xoves e coa que insta o Goberno Local a que restableza a integridade do cadro de persoal (que consta dunha traballadora social, 1 psicóloga clínica e tres administrativas).
Non só non se cubriu de forma estábel a praza da psicóloga clínica, senón que das tres administrativas que en teoría forman parte do cadro de persoal o COF só dispón neste momento dunha. E esta nin sequera é substituída pro persoal cualificado cando está de baixa, “o que está a impedir o correcto funcionamento organizativo do centro: non hai quen atenda o teléfono nin quen xestione as citas médicas”, alerta Queixas.
O BNG xa denunciou en múltiples ocasións a desatención que o COF sofre por parte do Sergas, responsábel de que das dúas prazas de xinecoloxía das que o centro estaba dotado só exista unha fixa desde 2020. Mais infelizmente o Goberno Local tampouco cumpre coas súas obrigas e colabora na práctica no desmantelamento do centro.
É por isto que Queixas defenderá no Pleno que o Goberno Local “repoña, á maior brevidade, todas as prazas vacantes do COF de Orillamar para restablecer o completo funcionamento dun servizo fundamental e irrenunciábel que atenda, de forma universal, os servizos de saúde sexual e reprodutiva das mulleres da Coruña”.