O BNG da Coruña demanda información sobre o plan municipal contra a soidade non desexada

ACoruñaXa
David Soto pregunta pola organización, execución e resultados do proxecto anunciado en outubro
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
2 Jan 2025

O concelleiro do BNG, David Soto, rexistrou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno Local sobre o Plan do Concello para combater a soidade non desexada. Este proxecto, presentado en outubro pola alcaldesa, conta cunha partida orzamentaria de 3 millóns de euros, pero o edil nacionalista considera necesario aclarar varios aspectos da súa implementación.

Soto quere saber como se organiza a detección das persoas que viven en situación de soidade non desexada, quen realiza este labor e cantos casos foron identificados ata agora. Ademais, solicita información sobre a área municipal responsable da redacción do plan e se, antes do seu desenvolvemento, se levou a cabo un estudo previo sobre este fenómeno na cidade.

O concelleiro tamén se interesa por saber se se deu audiencia a colectivos implicados na loita contra a soidade non desexada e, de ser así, cales foron consultados. Finalmente, pregunta que sectores da poboación coruñesa son máis vulnerables a esta situación e como se lles está a ofrecer apoio.

Soto subliñou a importancia de traballar dun xeito coordinado e transparente para abordar un problema que afecta cada vez a máis persoas. “A loita contra a soidade non desexada require de planificación e diálogo cos colectivos implicados”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.17069506645203