O BNG da Coruña critica a actuación 'in extremis' da Xunta por conservar os murais de Lugrís
A concelleira do BNG e deputada electa Mercedes Queixas celebra que a Xunta e o Concello da Coruña “rectifiquen por fin” e asuman as súas responsabilidades na protección dos murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos. A nova chegaba este mércores pola mañá cando as dúas institucións anunciaron o comezo dos trámites por declarar os murais como Bens de Interese Cultura (BIC).
A nacionalista sinalou que "se rectifican é grazas á presión social e tamén ao traballo político do BNG”.
Ao que engade: “Até agora perderon o tempo nunha confrontación estéril, nun pasarse a responsabilidade os uns aos outros, mentres a obra de Urbano Lugrís se ía deteriorando a pasos axigantados, con grave risco para a súa integridade”, denuncia Queixas. “Dúas administracións cómplices no abandono dun patrimonio cultural colectivo”.
Lembra Queixas que o BNG levou, en varias ocasións, a declaración dos murais como BIC ao Parlamento galego. E sempre bateu coa oposición dun PP que argumentaba que xa estaban suficientemente protexidos ao faceren parte do catálogo do PXOM e do PEPRI da Cidade Vella e a Pescaría. “Agora por fin rectifican e fano in extremis, a última hora, ante o risco de que caian en mans privadas, mal vendidos a prezo de saldo”, remarca. En todo caso, avanza, o BNG “continuará a reclamara a protección do BIC par o conxunto da obra dun autor único”.