O BNG da Coruña considera vital que o Porto siga sendo motor económico no debate da nova fachada marítima

ACoruñaXa
Francisco Jorquera destaca a importancia do Porto como motor económico na Comisión Especial da Fachada Marítima, onde compareceu o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, a instancias do BNG
Imaxe dos membros da Comisión Especial da Fachada Marítima
28 Xuño 2024

O deseño da nova fachada marítima da Coruña non debe perder de vista que o porto interior debe continuar a ser “un motor económico fundamental da cidade e a comarca”.

Este é un dos elementos de reflexión que puxo sobre a mesa Francisco Jorquera, na súa calidade de presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, órgano do Concello no que este venres se produciu, precisamente a instancias do BNG, a comparecencia do presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado.

“Quero agradecer publicamente as achegas do presidente da Autoridade Portuaria na súa comparecencia. A visión que nos achegou é moi interesante e enriquecedora”, afirmou. Jorquera transmitiulle a Fernández Prado unha idea moi clara: dado que non toda a actividade estritamente portuaria é trasladábel á dársena exterior, é “imprescindíbel” saber “cales son as necesidades portuarias presentes e futuras”. Esta é unha condición previa antes de abordar o deseño da nova fachada marítima, remarcou.

O porto interior é e debe continuar a ser “un motor económico básico da cidade e da comarca”, polo que cómpre “definir un plan de usos portuarios presentes e futuros para o ter en conta á hora de deseñar a nova Fachada Marítima”, alegou.

A outra cuestión sobre a que puxo o acento Jorquera é a necesidade de abordar “unha solución ás cargas financeiras que soporta o porto interior” a consecuencia da construción da dársena exterior. Unha débeda que “limita moitísimo a capacidade de investimento da Autoridade Portuaria para operativizar plenamente Punta Langosteira e para mellorar a operatividade das actividades estritamente portuarias da dársena interior”.

“A débeda non pode condicionar o deseño da fachada marítima e, desde logo, non debe dar pábulo a tentacións especulativas cos terreos que fiquen liberados de usos produtivos”, alegou.
Interpelado polos medios a respecto das declaracións feitas pola alcaldesa sobre hipotéticos usos residenciais no peirao de San Diego, Jorquera respondeu: “Non estamos no momento de abordar ese debate. Hai moitas cuestións previas que hai que esclarecer antes de falarmos diso. En todo caso, dependerá de como, de que tipo de usos residenciais falamos e do deseño global da Fachada Marítima”, ao tempo que remarcou que o BNG en ningún caso apoiará que se críe “un gueto residencial para ricos”.

 

0.18166184425354