O BNG da Coruña avala a remodelación do goberno local: "A estrutura inicial coas macro-áreas non estaba a funcionar"
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, ve na remodelación do Goberno Local, anunciada esta mañá de luns pola alcaldesa, o recoñecemento de que a estrutura coa que o Executivo coruñés encetou este mandato (con tres macro-áreas e concelleiros de primeira e concelleiros de segunda) non funcionaba e estaba a conducir “á ineficacia e á parálise na xestión municipal”.
Xa desde o principio do mandato, o BNG criticou esta estrutura de Goberno Local por concentrar as principais decisións “en moi poucas mans”, o que inevitabelmente resulta na falta de axilidade na tramitación e impulso dos asuntos e das tarefas do Concello.
Alén de máis, salienta Jorquera, hai unha “clara contradición” entre facer unha lectura “triunfalista” deste primeiro ano do segundo mandato de Inés Rey e logo anunciar unha remodelación profunda do Goberno Local, con alteración non só da estrutura de goberno, senón tamén con redistribución de competencias.
Canto ás mudanzas introducidas, Jorquera sinala como “significativa” a retirada das competencias de Urbanismo ao portavoz do Goberno Local, após o BNG ter denunciado irregularidades na tramitación dun inmóbel da súa propiedade.
Tamén é significativa a mudanza en Medio Ambiente xusto cando se debe proceder canto antes á licitación do novo contrato de Nostián. En troca, chama a atención que non se produzan alteracións na área de Cultura a pesar de que estas semanas atrás se evidenciou con toda clareza a mala xestión do IMCE.