O BNG da Coruña amósase escéptico ante o Máster Plan para a transformación do porto interior
O BNG abstívose este venres na votación do esquema de licitación e as bases para a elaboración dos pregos que rexirán a contratación da redacción do Máster Plan para a transformación do porto interior da Coruña, asunto que se someteu a debate na comisión Coruña Marítima, órgano no que participa o portavoz da formación nacionalista no Concello, Francisco Jorquera.
A abstención foi igualmente a posición adoptada polo BNG na votación do borrador do convenio regulador do financiamento do chamado Máster Plan.
O BNG ve “luces e sombras” no documento das liñas estratéxicas que acompañan os acordos adoptados este venres na comisión, mais abstense porque mantén “reservas e cautelas” ante o carácter “restrinxido” do concurso internacional que se vai convocar para a redacción do proxecto, o que dificulta a participación de persoas expertas da nosa cidad, e ante a hipotética venda de activos portuarios para o pagamento dunha débeda que, do punto de vista do Bloque, debe ser condonada polo Estado, como a foi a de València.
En todo caso, Jorquera pon o acento en que “estamos no inicio dun proceso que será longo e terá por diante aínda moitas etapas”.
Para o BNG, o que é decisivo é que ao longo dese proceso se manteña a titularidade pública dos espazos portuarios, se dea unha solución á débeda -evitando que se salde mediante a venda de activos- e se asegure a participación social durante o desenvolvemento das distintas fases.
A respecto da titularidade pública, o BNG observa “contradicións no borrador do documento de bases estratéxicas”. Así, explica Jorquera, por unha banda se sinala “o interese común en manter a titularidade pública dos espazos”, mentres que, polo contrario, se fala de ter en conta os compromisos dos “convenios subscritos en vigor para a financiación da construción do porto exterior, xunto co financiamento da débeda da Autoridade Portuaria, mediante a obtención dos aproveitamentos urbanísticos necesarios”.
Para o BNG, os convenios de 2004 -que prevían a venda de activos para financiar Punta Langosteira- deben darse “definitivamente por superados” e a solución á débeda do porto pola construción da dársena exterior “debe pasar pola súa condonación ou unha solución equivalente, evitando que se pretendan resolver os problemas financeiros do porto a través da venda de activos”.
Reservas e cautelas
A abstención do BNG na votación deste venres explícase porque “aínda que hai aspectos que nos parecen positivos, outros merécennos reservas ou cautelas”.
A respecto dos primeiros, Jorquera enfatiza que até se recollen “propostas históricas” do BNG, entre elas o aproveitamento da infraestrutura ferroviaria para implantar servizos de proximidade, abordando deste xeito as necesidades de transporte a escala metropolitana.
De igual maneira aparecen achegas feitas na Comisión especial da Fachada Marítima “que teño a honra de presidir”, remarcou, entre elas a creación de infraestruturas verdes para corrixir a baixa ratio de zonas verdes por habitante que hai na Coruña, ben como tamén actuacións que nos preparen fronte ás alteracións climáticas e a elevación do nivel do mar ou á renaturalización da desembocadura do Río Monelos.
Canto ás “reservas e cautelas”, Jorquera refírese en primeiro lugar ao concurso por procedemento restrinxido polo que se opta á hora de licitar a redacción do proxecto, unha opción que claramente “limita a posibilidade de concursaren expertos locais”. O BNG, en troca, aposta por “aproveitar e pór en valor o coñecemento na materia existente na Coruña e na Galiza. Hai que evitar caer na imitación, na importación de modelos que non se axeitan nin á escala nin á realidade coruñesas e na ‘urbanalización’, isto é, no urbanismo de corta e pega”, argúe.
A abordaxe que as liñas estratéxicas fan sobre os usos residencias tamén lle merece reservas ao BNG. “Se hai vivenda, cómpre asegurar o mantemento da titularidade pública dos espazos e, desde logo, evitar a construción dun guetto para ricos e, tamén, conxurar o risco do efecto illa, sería un grande erro crear ámbitos desconectados do resto da cidade”, resalta.
O documento contempla a hipótese de dotar a futura fronte marítima de novos equipamentos, singularmente dun espazo multiusos cuberto de grande capacidade. A ese respecto, Jorquera entende que, dada a situación en que se achan o Pazo da Ópera, Fórum e outras moitas instalacións culturais, o que se impón é “coidar o que se ten antes de pensar en novos recintos”.