O BNG critica os orzamentos da Xunta para 2025 por esquecer á comarca das Mariñas

ACoruñaXa
Cristina López acusa ao PP de ignorar as necesidades históricas da comarca, como o saneamento da Ría de Betanzos e a falta de infraestruturas en servizos sociais
Imaxe do BNG As Mariñas
21 Out 2024

O BNG lamentou que a proposta de orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 deixa de lado, unha vez máis, as necesidades urxentes da comarca das Mariñas. Cristina López, responsábel comarcal do BNG, afirmou que os orzamentos “non dan resposta aos problemas históricos” que a comarca leva sufrindo desde hai décadas, como a falta dun saneamento completo e efectivo da Ría de Betanzos, e a ausencia de infraestruturas clave como unha residencia pública ou un centro de día comarcais.

Segundo López, as obras previstas pola Xunta redúcense a dúas xa licitadas, como o centro de saúde de Abegondo e a rehabilitación do CEIP Vales Villamarín, mentres que outras actuacións prometidas, como un novo IES para Miño ou as melloras dos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas, non figuran no orzamento para 2025. "Os servizos públicos básicos, como os sociais e os educativos, foron ignorados polo PP", subliñou.

Ademais, o BNG criticou a falta de fondos para mellorar o saneamento e a depuración dos ríos e a Ría de Betanzos, e denunciou que non hai ningunha partida destinada á construción dunha depuradora en Paderne, unha demanda histórica da veciñanza. López engadiu que tampouco hai investimentos significativos na recuperación do patrimonio da comarca, como o Casco Histórico de Betanzos ou a Necrópole do Monte do Gato.

Por último, a deputada do BNG, Mercedes Queixas, anunciou que presentarán emendas aos orzamentos da Xunta para canalizar as demandas da comarca das Mariñas e que poñerán de novo sobre a mesa as necesidades esquecidas polo goberno do PP.

0.095144033432007