O BNG critica a proposta do PP de reducir as taxas municipais na Coruña

ACoruñaXa
O portavoz do BNG denuncia a incoherencia do PP ao pedir esta redución mentres a Xunta proxecta un aumento da recadación fiscal do 14%
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera.
12 Nov 2024

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, respondeu hoxe á recente proposta do Partido Popular de reducir as taxas e impostos municipais. Jorquera cuestionou a postura do PP, sinalando unha contradición evidente entre esta petición de rebaixa no Concello e o aumento da recadación fiscal do 14% que a Xunta prevé nos orzamentos para 2025.

“É sorprendente a actitude do PP”, afirmou Jorquera, lembrando que o partido tentou apuntarse o mérito da conxelación de taxas no último Pleno, alegando que a decisión do goberno local respondía a unha proposta súa. Agora, engadiu o portavoz nacionalista, o PP vai máis alá e pide unha rebaixa de taxas.

Ademais, Jorquera criticou que o PP propoña ao mesmo tempo un aumento dos gastos municipais en áreas que son claramente competencia da Xunta de Galicia. “Pretenden trasladar ao Concello responsabilidades que corresponden á Xunta, e iso non é aceptable”, sinalou.

O portavoz do BNG enfatizou que o seu partido non apoiará esta “demagoxia fiscal” do PP. Segundo explicou, “os impostos son fundamentais para fortalecer os servizos públicos e as políticas sociais”. Engadiu que o BNG se posiciona firmemente a favor dun sistema fiscal xusto e sólido que permita manter estes servizos esenciais para a veciñanza.

Na última sesión plenaria, celebrada o pasado xoves 7 de novembro, o portavoz do goberno local xa anunciara a conxelación de taxas e impostos municipais, medida que foi resultado, segundo Jorquera, da presión exercida polo BNG en defensa dos intereses da veciñanza.

0.17892909049988