O BNG condiciona o seu apoio nos plenos a unha solución económica para o Concello de A Coruña

ACoruñaXa
Avia Veira asumirá a portavocía do grupo municipal na Coruña e advirte de que a formación non respaldará iniciativas do goberno local mentres non presente unha proposta para corrixir a situación financeira
A CORUÑA bng Avia viera e Jorquera
25 May 2026

O BNG da Coruña endurece a súa posición ante o goberno local. A formación nacionalista anunciou que non apoiará ningún asunto que o executivo municipal leve a pleno mentres non presente unha solución para o que cualifica como o 'burato económico' do Concello.

A decisión foi comunicada pola candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, que a partir de agora asumirá tamén a portavocía do grupo municipal. Francisco Jorquera pasará a exercer como portavoz suplente, un cambio que a formación vincula á vontade de que a súa candidata teña a máxima representación política do grupo no tramo final do mandato.

Veira situou a situación económica municipal como unha prioridade. Segundo explicou, a liquidación do último exercicio reflicte unha xestión que o BNG considera 'nefasta' e lembrou que os informes de Intervención apuntan á necesidade de adoptar medidas para corrixir o desequilibrio durante 2026.

A partir desa lectura, a formación empraza o goberno local a mover ficha e poñer enriba da mesa unha proposta concreta. O BNG sostén que non se pode adiar a solución ao próximo mandato e defende que a situación debe quedar encamiñada antes das eleccións municipais de 2027.

A portavoz nacionalista tamén aproveitou a comparecencia para facer balance dos tres anos transcorridos desde as eleccións municipais de 2023. Na súa análise, o goberno local está 'desconectado da realidade' e actúa, ao seu xuízo, como se tivese unha maioría que non ten.

Veira criticou problemas que sitúa en tres niveis. No día a día, sinalou a limpeza, o coidado das rúas, os pasos de peóns e as beirarrúas. Nun segundo plano, puxo o foco nos servizos públicos concesionados que, segundo o BNG, se prestan en precario por falta de novos contratos. E, nos asuntos de maior alcance, citou a caducidade de grandes contratos municipais como o transporte urbano ou o tratamento do lixo.

A formación nacionalista considera que A Coruña necesita un 'cambio a mellor' e presenta o próximo ano como unha etapa clave para construír unha alternativa de goberno. Veira afirmou que o BNG quere chegar a maio de 2027 cun proxecto capaz de abrir unha nova etapa política na cidade.

0.11521792411804