O BNG comprométese a facer as melloras necesarias nos centros educativos das Mariñas coruñesas

ACoruñaXa
Os nacionalistas galegos comprométense a baixar as ratios nas aulas e a garantir o persoal de apoio necesario e unhas infraestruturas educativas en boas condicións
Mercedes Queixas Betanzos encontro ensino
1 Feb 2024

O BNG  de Betanzos celebrou este mércores pola tarde un encontro con ANPAS, persoal dos centros educativos e persoas vinculadas ao ensino público. No encontro que se celebrou no local social da rúa Pintor Seijo Rubio participaron a candidata ao Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, xunto coa portavoz do BNG de Betanzos Amelia Sánchez.

“Desde o goberno da Xunta remataremos cos recortes no ensino público, que levamos anos sufrindo, como ben sabemos na comarca das Mariñas onde sufrimos recortes de profesorado que provocaron mobilizacións sociais, tanto no CPI Castro Baxoi, en Miño neste curso como no CPI Cruz do Sar, en Bergondo, o anterior”, explicou a candidata ao Parlamento, Mercedes Queixas.

“Ademais dos recortes en persoal, desde o BNG investiremos nas melloras necesarias nos centros educativos de toda a comarca que levamos anos demandando, como rematar as obras de mellora no CPI Vales Villamarín e ampliar o comedor escolar ou as obras de mellora imprescindíbeis no IES Francisco Aguiar, os dous en Betanzos. Mais tamén son necesarias melloras no CPI Castro Baxoi en cambiar a cuberta ou no IES As Mariñas e no seu pavillón polideportivo”, engadiu Queixas.

A portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, lembrou a importancia de que a Xunta asuma todas as súas competencias en educación, e deixe de delegar nos concellos ou nas ANPAS servizos complementarios como os comedores ou as actividades extraescolares. “A Xunta, igual que fai con outras das súas competencias, como servizos sociais, está deixando en mans doutras administracións estes servizos. Pero os concellos non teñen nin o persoal nin os recursos para xestionalos”, engadiu Sánchez.

Queixas concluíu o encontro afirmando que o BNG estrá sempre do lado dun ensino público e de calidade, e iso tamén pasa por baixar as ratios nas aulas, garantir o persoal de apoio necesario e unhas infraestruturas educativas nunhas condicións adecuadas.

 

0.11706900596619