O BNG compromete o seu apoio aos mariscadores da ría do Burgo
A número dous da candidatura do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, mantivo esta mañá unha reunión co patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas, e con mariscadores da Ría do Burgo. O encontro realizouse na sede do pósito, no porto de Oza.
Queixas, que estivo acompañada pola tamén candidata Iria Taibo, número 8 da lista do BNG, e por Néstor Rego e Francisco Jorquera, portavoces nacionalistas no Congreso e no Concello, comprometeu o apoio “do futuro goberno liderado por Ana Pontón para que se estendan as axudas aos mariscadores durante os case 2 anos en que non se poden faenar”.
Mariñas estima en dous anos o prazo en que a Ría do Burgo poderá volver a ser plenamente produtiva, despois de que se semente o marisco (catro especies: ameixa fina, babosa e xapónica, e berberecho) en abril deste ano.
“As axudas que se concederon durante a dragaxe e que, grazas á presión do BNG e á loita dos mariscadores, se prorrogaron até o 26 de abril teñen que ser estendidas durante todo o tempo en que se non se poda faenar”, afirma a candidata nacionalista.
Estado e Xunta discuten que administración ten que asumir esas axudas durante este paro biolóxico forzoso. “Non imos entrar nese pim pam pum. O importante é protexer este colectivo de case 100 persoas. O Goberno galego ten que liderar o proceso e ten que sentar a negociar co Estado. A estratexia de confrontación é estéril. Que saiban os mariscadores que un Goberno galego liderado por Ana Pontón non os vai deixar desamparados”, concluíu Mercedes Queixas.