O BNG celebra un mitin vermú en Cerceda

ACoruñaXa
Durante o acto Mercedes Queixas, a número 2, da candidatura pola Coruña acusou ao Partido Popular e ao presidente Alfonso Rueda de fuxir dos debates
Mitin Vermut Mercedes Queixas en Cerceda
3 Feb 2024

Neste segundo día de campaña a número dous da candidatura do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, achegouse a Cerceda para protagonizar -canda as tamén candidatas Iria Taibo e Beatriz Perez Bea a da estrella- un mitin vermú moi concorrido.

“Anda moi preocupado o PP. Escóndese nos debates. Pon no foco o noso programa. E agora resulta que non lle gusta a foto do cartaz de Ana Pontón. Sabedes o que non lle gusta ao PP e a Rueda? Que no BNG teñamos Ana Pontón e eles, non!”, ironizou a candidata nacionalista.

Nas críticas vertidas contra a fotografía de Ana Pontón ve Mercedes Queixas “unha reacción do machismo contra a oportunidade histórica, cada vez máis certa e máis próxima, de termos unha muller nacionalista, feminista e progresista como presidenta da Xunta”.

“Cando se ve un home maquillado nun cartaz non se critica. Faise cunha muller. O machismo está aí e aparece. Pero fracasará porque a sociedade galega avanza e olla para o futuro. E ese futuro xa está aquí. Ese futuro é agora. Ese futuro cristalizará o 18 de febreiro. Ese futuro é Ana Pontón”, proclamou.

Hai razóns para o cambio galego que encarna o BNG, razoou. “Galiza foi a menos nestes 15 anos de goberno ininterrompido da dereita. Foi a menos en sanidade, educación, dependencia, poboación, lingua, vivenda e industria”, dixo.

“E vós aquí en Cerceda sabédelo ben. Sabedes ben das loitas populares contra o espolio dos nosos recursos. Todos temos na memoria o exemplo das Encrobas”, dixo entre aplausos.

Eses 15 anos perdidos están a piques de chegar á fin. “Imos vivir o comezo dunha nova época. Vai haber cambio. Voto alternativo, luz e futuro. Faremos historia colectiva, contigo. Adiante BNG! Adiante Ana Pontón Presidenta!”, concluíu.

 

0.18890690803528