O BNG celebra que o Concello da Coruña dea os primeiros pasos na reforma da Casa Cornide

ACoruñaXa
O BNG lembra que a Casa Cornide é BIC desde abril de 2023 e que a familia Franco incumpre a súa obriga de o abrir ao público un mínimo de catro días ao mes durante polo menos catro horas ao día
Imaxe da Casa Cornide na Coruña
10 Abr 2024

O BNG celebra que o Concello da Coruña vaia dar os primeiros pasos para recuperar para a Casa Cornide, palacete usurpado polos Franco durante a ditadura, mais lamenta que demorase tanto en actuar.

“O Goberno Local dispón desde decembro de 2020 dun informe xurídico elaborado por persoas expertas da Universidade da Coruña sobre as vías de recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público. Non se entende por que se demorou tanto tempo en abrir o proceso”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

Deste xeito, o portavoz nacionalista agarda que o proceso se acelere a partir de agora e que a demanda civil para a recuperación da titularidade do ben se interpoña canto antes.

O BNG levou este asunto ao Pleno en múltiples ocasións e de feito a Corporación aprobou unha moción nacionalista na primeira sesión plenaria do pasado mandato -setembro de 2019- instando o Goberno Local a que se interpuxese unha demanda contra os Franco.

Paralelamente, no Parlamento galego o Bloque rexistrou tamén múltiples iniciativas para emprazar o Goberno galego a que declarase como BIC o palacete. A catalogación como tal tivo lugar en abril de 2023, mais o que fica pendente é que se materialicen as súas consecuencias prácticas, entre outras cousas que os titulares do inmóbel -aínda os herdeiros do ditador- habiliten un réxime de visitas no inferior a catro días ao mes durante polo menos catro horas ao día.

Nin se habilitou ese réxime nin se coñece ningunha xestión do Goberno galego para forzar os Franco a que cumpran coas súas obrigas como propietarios, quer no que atinxe ao réxime de visitas quer no que ten a ver co inventario dos bens móbeis contidos no palacete.

Por tanto, o BNG vai volver demandar o Goberno Galego que lle esixa á familia Franco o cumprimento do decreto en que se declara a Casa Cornide como BIC e que, consecuentemente, se habilite a súa inmediata apertura ao público.

0.15102100372314