O BNG asegura que lanzará un novo plan de financiamento para o Sistema Universitario Galego

ACoruñaXa
A candidata número dous pola provincia visitou a Universidade da Coruña e asegurou que o BNG brindará todo o seu apoio ás políticas de igualdade do centro
Mercedes Queixas, co reitor e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade
Mercedes Queixas, co reitor e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade
8 Feb 2024

A número dous da candidatura do BNG ao Parlamento pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, mantivo este xoves un encontro coa vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López Villar. A entrevista tivo lugar na Reitoría da Universidade da Coruña e durante ela a nacionalista coñeceu de primeira man os planos de igualdade que promove a novo equipo de goberno da Universidade.

"Comprometemos o noso apoio desde o Goberno galego que vai presidir Ana Pontón. A Xunta foi pioneira nas políticas de igualdade durante o período 2005-2009, coa compañeira Carme Adán á fronte da Secretaría Xeral de Igualdade. Volveremos a esa senda de vangarda a partir do 18 de febreiro porque, da man do BNG, o feminismo volverá estar representado no goberno do país despois destes anos de retroceso do PP", remarcou Queixas.

A candidata nacionalista foi recibida polo novo reitor, Ricardo Cao, antes de se reunir con Cristina López Villar. Queixas estivo acompañada polas tamén candidatas Iria Taibo e Beatriz Perez, Bea a de Estrella. "Trasladei os parabéns do BNG ao novo goberno da Universidade. Partillamos a súa aposta por unha Universidade pública, galega, de calidade e innovadora", dixo Queixas.

Mercedes Queixas aplaudiu tamén o esforzo do novo equipo de goberno da UDC por materializar políticas que garantan a plena igualdade de dereitos (non só formal, senón tamén material) entre homes e mulleres. Políticas que teñen como obxectivo desterrar calquera vestixio de machismo e (mediante un novo protocolo) previr e eliminar calquera manifestación de violencia de xénero ou acoso sexual.

No intercambio de impresións con reitor, Queixas avanzou que a Xunta presidida por Ana Pontón lanzará un novo plan de financiamento universitario que garanta fondos públicos suficientes ao Sistema Universitario Galego e que teña como referencia alcanzar un investimento arredor de 1,5% do PIB.

"As universidades galegas fan un grande esforzo por se coordinaren entre si mais fai falta que a Xunta asuma o rol de líder do sistema universitario galego, para a dotar dos suficientes recursos que lles permita desenvolver todo o potencial humano de que dispomos desde o profesorado até o alumnado", conclúe Queixas.

0.077793836593628