O BNG aposta por un porto vinculado á economía do mar nunha Coruña máis verde e sustentable

O portavoz do BNG no Concello da Coruña e presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, Francisco Jorquera, realizou esta mañá un balance das comparecencias rexistradas na devandita comisión, que contou coa participación de 14 entidades. Durante unha rolda de prensa retransmitida en directo a través das redes sociais, Jorquera salientou que todas as achegas realizadas converxen nunha visión compartida: deseñar unha fronte marítima que manteña o porto como motor da economía local, insira a cidade nun modelo máis verde e prepare a infraestrutura para combater os efectos das alteracións climáticas, como a elevación do nivel do mar.
Recollendo unha suxestión de Miguel Abelleira, director da Escola de Arquitectura da Coruña, Jorquera destacou que o termo “fachada marítima” pode ter connotacións negativas asociadas á construción en primeira liña de costa, unha práctica que se pretende evitar no futuro desenvolvemento urbano. Para o portavoz do BNG, o reto principal neste momento é “formular as preguntas axeitadas” que permitan definir os criterios e respostas necesarios para configurar o futuro dos terreos portuarios.
Un consenso máis aló dun mandato
Unha das claves destacadas nas comparecencias foi a necesidade de abordar o proxecto mediante o diálogo e a busca de consenso, tanto entre as administracións públicas como coa participación activa da cidadanía. “Este é un proxecto de cidade que transcende o horizonte dun mandato político e, polo tanto, require planificación a longo prazo e consenso cívico”, subliñou Jorquera.
O proceso de reordenación debe realizarse por fases, comezando polas que susciten maior acordo, pero sempre cunha visión clara do deseño final e o investimento global. Ademais, o proxecto debe abranguer todo o bordo costeiro, desde A Pasaxe ata Bens, aproveitando o coñecemento existente na Coruña e en Galicia, como o da Escola de Arquitectura, o Colexio de Arquitectos ou o Colexio de Enxeñeiros de Camiños.
Un aspecto fundamental para o éxito da reordenación, segundo os comparecentes, é resolver a débeda portuaria sen que isto condicione decisións estratéxicas, como a venda de activos. “O porto debe continuar a ser motor produtivo da cidade, impulsando actividades ligadas á economía do mar, como a pesca, o comercio e a loxística”, afirmou Jorquera.
Ademais dos usos produtivos, os terreos liberados poden ser aproveitados para atender necesidades da cidade e da comarca, como mellorar a mobilidade con aparcadoiros disuasorios ou crear conexións ferroviarias de proximidade. Tamén se propoñen medidas ambientais, como a creación de zonas verdes que aumenten a baixa ratio de espazos naturais por habitante e a preparación do porto como barreira ante o risco de asolagamento.
A vivenda: un enfoque prudente
En relación coa vivenda, Jorquera indicou que as comparecencias apenas abordaron este aspecto, pero subliñou que é esencial evitar tanto a construción en primeira liña de costa como a creación de guettos para ricos. “A vivenda é unha cuestión central para as políticas públicas, pero no contexto da reordenación dos terreos portuarios non debería ser a prioridade. O importante é que os novos espazos se integren no tecido urbano sen crear illamento”, explicou.
En definitiva, o deseño da fronte marítima debe estar ligado a un modelo de cidade que combine a súa condición de motor económico de Galicia cunha aposta por unha Coruña máis verde e sustentable. Este modelo tamén debe respectar a paisaxe e integrarse plenamente na área metropolitana, asegurando a calidade urbana e un desenvolvemento equilibrado e inclusivo.