O BNG aposta na Coruña pola oficialidade do galego na Unión Europea coa vontade do Estado
O BNG vai continuar a defender a plena oficialidade do galego na Unión Europea, un obxectivo posíbel se haber vontade política por parte do Estado español.
Con tal propósito, e dentro da campaña das europeas, o BNG organizou un acto, nas Escolas do Eusebio da Guarda, sobre a presenza da nosa lingua na UE, un encontro que foi presentado pola deputada nacionalista no Parlamento Iria Taibo e no que participaron Nel Vidal, profesor de educación secundaria; Carlos Aymerich, profesor da Universidade da Coruña; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Keina Espiñeira, profesora universitaria e número 7 da candidatura do BNG ás eleccións europeas.
O obxectivo do encontro organizado pola organización nacionalista era explicar a grande importancia que tería a conquista da oficialidade da lingua galega na Unión Europea. Este feito incidiría na presenza real do galego en moitos aspectos da vida diaria da cidadanía -tamén, por suposto, na Galiza-, ademais das institucións, e fornece unha maior seguridade xurídica para o uso da lingua. Entre os exemplos que se indicaron para isto, está a emisión de documentación por parte das diferentes administracións públicas, ou as linguas nas que está permitida a etiquetaxe de moitos dos produtos de uso diario, dos documentos oficiais ou dos medicamentos.
Nas distintas intervencións insistiuse na importancia de o BNG ter unha representación forte en Europa, tanto para reivindicar a oficialidade do galego como para contar cunha voz que poida reclamar nas institucións europeas aqueles asuntos que interesan á cidadanía e a Galiza como pobo, sen outro tipo de ataduras nin condicionantes.
Nel Vidal explicou a importancia da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas no ámbito do ensino, e lembrou que foi un goberno de José María Aznar o que se acolleu a esta Carta no seu nivel máximo. A Carta establece un nivel de protección para as linguas no ámbito do ensino, a xustiza ou os medios de comunicación. Entre outros aspectos, regula a posibilidade de que existan liñas de ensino integramente en galego. Ao ser dereito comunitario, a Carta é de obrigado cumprimento, mais en absoluto se está a aplicar na Galiza desde que o primeiro Goberno Feijoo lexislara contra o noso idioma no coñecido como decreto do plurilingüismo.
Carlos Aymerich trazou os aspectos técnicos polos que a oficialidade do galego na Unión Europea habería representar un paso moi significativo para os dereitos lingüísticos da cidadanía.
Marcos Maceira lembrou que hoxe en día é imposíbel que a cidadanía poida usar a lingua da súa escolla en todos os aspectos da vida, sendo que en moitos ámbitos o galego está totalmente ausente, ademais de insistir nos incumprimentos de moitos aspectos da lexislación vixente e da propia Carta Europea.
Keina Espiñeira explicou as propostas do BNG neste sentido, ademais de lembrar o traballo realizado pola eurodeputada e candidata Ana Miranda a favor da oficialidade da lingua galega na Unión Europea.