O BNG apoia o modificativo de crédito M6 para reforzar a Escola de Música

O BNG votou hoxe a favor da aprobación definitiva do modificativo de crédito M6 durante o Pleno extraordinario celebrado esta mañá, rexeitando as alegacións formuladas polo PP. O portavoz do Bloque no Concello, Francisco Jorquera, subliñou que algúns dos cambios incluídos neste modificativo non serían necesarios se o Goberno Local cumprise co acordo orzamentario pactado co BNG para 2024.
Entre as modificacións aprobadas destaca un suplemento de crédito de 150.000 euros destinado á Escola Municipal de Música. Estes fondos cubrirán a suba salarial do persoal, o pagamento de atrasos relacionados co convenio e outros gastos urxentes para o funcionamento do centro. Jorquera lembrou que o Goberno Local acordou inicialmente destinar 250.000 euros á Escola, pero eses fondos foron desviados para reducir o déficit do Consorcio para a Promoción da Música.
O portavoz nacionalista tamén criticou que o Executivo municipal priorice os seus propios proxectos en detrimento dos acordados co BNG, o que atribuíu á falta de vontade política para impulsar iniciativas compartidas.
En relación coas alegacións presentadas polo PP, Jorquera rexeitou a proposta de ampliar o crédito para bolsas comedor, lembrando que xa foran incrementadas en 120.000 euros grazas ao modificativo M4 promovido polo Bloque. Ademais, sinalou que as competencias en política social son principalmente da Xunta, instando ao goberno autonómico a asumir as súas responsabilidades.
Jorquera aproveitou para lembrar que a Xunta debe 5,8 millóns de euros á Orquestra Sinfónica de Galicia, unha débeda que agrava a situación financeira do Consorcio para a Promoción da Música, organismo ao que o M6 destina un suplemento de crédito de 600.000 euros.