O BNG alerta sobre posibles prácticas irregulares do goberno local no IMCE en 2024, similares ás de 2023
O BNG da Coruña teme que na xestión do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) o Goberno Local estea en 2024 a incorrer nas mesmas prácticas irregulares de 2023.
Prácticas que levaron que acumulase unha débeda de 4,1 millóns de euros por facturas pendentes de cobro correspondentes ás festas de 2023 e que obrigaron a un modificativo de crédito, cuxa aprobación final se produciu no Pleno deste xoves.
Nunha pregunta oral ao concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, a nosa concelleira Mercedes Queixas expresou o temor que ten o BNG de que, como acontecera en 2023, neste 2024 tamén se estea a comprometer gasto sen ter asinado contratos e sen dispor de crédito adecuado e suficiente.
A resposta do concelleiro de Cultura é que a maioría dos concertos e festivais polos que preguntamos son de promoción privada e que o IMCE en 2024 “vivirá dos seus créditos iniciais”.
Ao respecto do primeiro, cumpre dicir que eses concertos e festivais privados xiran facturas ao Concello (moitas delas pendentes de pagamento) e a respecto do segundo, o BNG teme que os recortes nos gastos anunciados polo Goberno Local se vaian a aplicar exclusivamente ás e aos artistas locais.
“Ao tempo que o Goberno Local lles esixe ás entidades culturais da cidade recortes orzamentarios dun 60% (o que fixo inviábel actividades do San Xoán dos pequenos nos barrios como A Ruada das Xoubas), anuncia o concerto de Mikel Erentxun para o San Xoán”, referiu Queixas. “A Erentxun tamén lle aplicaron unha rebaixa no seu caché do 60%”, inquiriu.
Se as prácticas irregulares na xestión do IMCE se confirmaren tamén neste 2024, o BNG desde logo non avalará ningún novo modificativo de crédito. Así o anunciou, no curso desta mesma sesión plenaria, o noso portavoz, Francisco Jorquera.
“O BNG, no que del dependa, non vai apoiar novos modificativos que sexan froito de seguir comprometendo gasto sen que exista crédito orzamentario adecuado e suficiente”, remarcou Jorquera.
E como o BNG ten a inquietude de que as cousas non melloran no IMCE, Queixas solicitou por rexistro acceso aos expedientes de contratación de concertos e festivais anunciados para 2024 “sen que aínda recibísemos resposta”.
Do mesmo xeito, Queixas solicitou por escrito acceso á relación de facturas sen pagar do que levamos de ano, obtendo tamén a calada por resposta. “Que se nos está a ocultar?”.
A resposta de Gonzalo Castro non fixo ao BNG saír de dúbidas
De resto, o BNG interpelou tamén o Goberno Local sobre a arbitrariedade coa que trata as irregularidades urbanísticas (“non se trata igual a todo o mundo”, dixo Avia Veira, en relación ao asunto da concesión en tempo récord dunha licenza ao portavoz do Goberno Local e á apertura de Primor a pesar de non ter cumprido cos requirimentos previos do Concello) e sobre a dedicación exclusiva do membro do Goberno Local, Juan Ignacio Borrego.
A respecto deste asunto, suscitado por Mercedes Queixas, a confirmación desa falta de dedicación tivémola na recente remodelación do Goberno Local “cando ao señor Borrego lle foi retirada a competencia sobre Emprego”.
Canto ás mocións, as tres do BNG -sobre a transferencia da AP9 libre de peaxes a Galiza (da autoría de Jorquera), a licitación inmediata do proxecto do Parque do Vixía, zona verde para o barrio de Monte Alto (asinada por Avia Veira) e a mellora do espazo urbano nos Rosais (defendida por David Soto)- foron aprobadas por unanimidade.