O BNG alerta do ‘deterioro’ na torre de control de Alvedro e reclama volver á xestión pública

ACoruñaXa
Os nacionalistas advirten de que a falta de persoal pode afectar operacións sensibles, como voos sanitarios e transporte de órganos, e levan iniciativas ao Parlamento e ao Congreso
Imaxe do Aeroporto de Alvedro na Coruña
12 Feb 2026

O BNG puxo este martes o foco na situación da torre de control do aeroporto de Alvedro, que cualifica de ‘grave’ tras a privatización do servizo. Representantes institucionais do partido reuníronse con controladores aéreos para coñecer de primeira man as súas reivindicacións laborais e, sobre todo, o impacto que a escaseza de persoal pode ter na operativa diaria do aeroporto.

Segundo trasladaron os controladores, a dotación de traballadores reduciuse nos últimos anos e a sobrecarga de quendas está a tensionar o funcionamento da torre. Dende o sindicato USCA reclaman reforzos urxentes e apuntan que a situación xa xerou dificultades para manter unha cobertura estable en determinados momentos.

A preocupación política céntrase nas consecuencias que isto pode ter para servizos que van máis alá do tráfico comercial. Alvedro opera, de forma habitual, entre as 6.30 e as 0.30 horas, e o BNG advirte de que as limitacións de persoal poden complicar a atención de voos medicalizados ou operacións vinculadas ao transporte de órganos para transplantes, co CHUAC como referencia asistencial na área.

Os nacionalistas defenden a reversión da privatización e anuncian iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta se implique e para que Sanidade valore medidas que blindan o sistema de transplantes. No Congreso, o deputado Néstor Rego tamén rexistrou preguntas para reclamar tanto a recuperación da xestión pública como o respecto dos dereitos laborais do persoal da torre.

⚙ Configurar cookies
0.080379009246826