O BNG alerta de que o novo contrato de Nostián pode frear a reciclaxe polo aumento do custo do vertido

A Comisión de Seguimento do proceso de licitación da planta de Nostián reuniuse este xoves en María Pita para analizar o estado actual do concurso, despois de que a primeira convocatoria quedase deserta ao non presentarse ningunha empresa.
O encontro, creado no seu día a proposta do BNG, contou coa información do Goberno Local sobre os trámites en marcha tras a modificación das condicións do contrato, realizada despois de estimar parcialmente as alegacións presentadas por varias empresas.
O viceportavoz do BNG e representante da formación nesta comisión, Francisco Jorquera, explicou que o novo contrato suporá un incremento respecto da previsión inicial. “Como é sabido, o custo do contrato vai experimentar un incremento de máis de 94 millóns de euros con respecto á previsión anterior, situándose por riba dos 736 millóns de euros”, sinalou.
Máis alá do aumento económico da licitación, Jorquera centrou as súas críticas nun aspecto relacionado co modelo de tratamento dos residuos. O BNG considera que os cambios introducidos poden desincentivar a reciclaxe ao incrementar o custo que terán as empresas polo envío ao vertedoiro dos refugallos que non poidan ser tratados.
“Prodúcese un incremento significativo do custo da xestión dos refugallos, é dicir, da fracción do lixo que non se pode tratar e que se deriva a un vertedoiro”, indicou o representante nacionalista.
Segundo o BNG, a modificación tamén afecta ao tratamento do bioestabilizado, xa que, para efectos de valoración económica, o 60% deste produto orgánico obtido na planta a partir de residuos urbanos mesturados pasaría a considerarse tamén refugallo destinado ao vertedoiro.
“Do punto de vista do BNG, esta modificación pode desincentivar as empresas que aspiren a xestionar a planta para mellorar a reciclaxe”, afirmou Jorquera, que considera que isto podería afastar Nostián “dos obxectivos de reciclaxe fixados polo Estado e pola UE”.
O viceportavoz do BNG engadiu que a formación trasladou esta cuestión durante a reunión da comisión, pero sinalou que non recibiu resposta por parte do Goberno Local. “Para a nosa sorpresa, fixemos esta observación durante a reunión de hoxe, sen que o Goberno Local nos contestase”, concluíu.