O BNG afirma que a súa campaña de ilusión e esperanza pode derrotar á do medo do PP
A cabeza de lista do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, ve o PP “en estado de pánico” ante o “o avance imparable do cambio galego que lidera Ana Pontón”· Queixas, que esta mañá participou en Compostela nun Encontro de Mulleres protagonizado pola candidata á Xunta, Ana Pontón, está convencida de que “a campaña da ilusión e a esperanza do BNG vai derrotar a campaña do medo do PP”.
“A campaña do medo do PP non se ten de pé. A sociedade galega coñece o BNG perfectamente porque o BNG non é unha organización extraterrestre, nace do pobo galego e existe para defender os intereses do pobo galego. A campaña do medo do PP, precedida da campaña da mentira e a manipulación, está condenada ao fracaso. Parecen ignorar que Ana Pontón é a hoxe a candidata mellor valorada polas galegas e galegos porque ven nela unha persoa preparada, con ilusión e con capacidade para termos unha Galiza mellor, en contraste cun Rueda gris, apático e que se esconde dos debates e das entrevistas incómodas”, considera o nacionalista.
Durante a campaña, no canto de falar da Galicia e dos seus problemas, o PP preferiu desviar a atención e pór o foco en Catalunya. “Mais agora ficaron tamén sen ese asunto, agora que sabemos que Feijoo falou clandestinamente con Puigdemont sobre as condicións do seu indulto”, remarcou Mercedes Queixas.
Pola contra, o BNG centrou as súas propostas no País. A “campaña da ilusión e da esperanza” vai levar o 18F a moitas persoas que nunca colleran a papeleta do BNG a apostar pola candidatura liderada por Ana Pontón, entre elas “persoas que no pasado confiaron no PP e que viron a súa confianza defraudada por un partido incapaz de xestionar ben os servizos públicos esenciais -a sanidade, a educación, o coidado das persoas maiores-, incapaz de atopar solucións á carestía dos prezos da vivenda, incapaz de desenvolver a economía do país para impedir que as mozas e os mozos mellor formados da historia de Galiza se vexan obrigadas e obrigados a emigrar porque no País non teñen sitio para desenvolver con dignidade as súas carreiras profesionais”, remarcou.
Dende o BNG afirman que o cambio é imparable se o 18 de febreiro todas as persoas que queren cambio van votar e o fan dando o seu apoio á candidatura de Ana Pontón. “Que ninguén fique na casa. O resultado pode decidirse por un puñado de votos. Se a sociedade galega vota masivamente haberá cambio e poremos fin a un ciclo de 15 anos de gobernos da dereita que deixan un País peor despois de ter xestionado 160 mil millóns de euros”, concluíu.