O BNG acusa ao Goberno local de manter paralizada a Fundación Luís Seoane

O BNG da Coruña criticou a situación na que se atopa a Fundación Luís Seoane e acusou ao Goberno local de non impulsar a actividade dunha institución que considera clave para a cultura galega. A concelleira nacionalista Mercedes Queixas asegurou que a alcaldesa segue sen cumprir o compromiso adquirido hai meses de convocar un concurso público para designar a dirección da entidade.
Segundo lembrou a edil, o anuncio da apertura deste proceso realizouse en novembro de 2025, coincidindo coa última reunión do Padroado da Fundación. Desde entón, afirma, non se produciron novos avances nin se convocou de novo o órgano de goberno da institución.
Queixas sostén que esta situación impide o funcionamento normal da Fundación, que continúa sen aprobar as contas correspondentes ao exercicio 2025, así como o orzamento e o plan de traballo previstos para 2026. A concelleira considera que a falta de planificación e de actividade evidencia unha situación de abandono por parte do Executivo municipal.
A representante do BNG tamén lamenta que a entidade continúe dirixida por unha persoa en funcións, unha circunstancia que, ao seu xuízo, dificulta o desenvolvemento dun proxecto estable e a longo prazo acorde coa relevancia do legado artístico e cultural de Luís Seoane.
Ademais, lembra que o anterior proceso para cubrir a dirección da Fundación foi anulado tras recibir críticas por supostas deficiencias en materia de transparencia e por non garantir, segundo distintos colectivos culturais, os principios de igualdade, mérito e capacidade durante a selección.
Ante esta situación, Mercedes Queixas rexistrou unha batería de preguntas por escrito dirixidas ao Goberno local. Entre outras cuestións, solicita explicacións sobre os motivos polos que aínda non se convocou o Padroado, por que segue sen iniciarse o novo concurso público para elixir a dirección da Fundación e cando prevé o Executivo aprobar o orzamento e o plan de actuación da entidade para este ano. Tamén pregunta pola valoración que fai o Concello do legado cultural de Luís Seoane e das medidas previstas para reforzar a actividade da institución.