O BNG acusa ao Goberno Local de desatender a política turística da Coruña
O concelleiro do BNG David Soto levará este xoves ao Pleno do Concello unha pregunta oral para poñer o foco na falta de avances na política de promoción turística da Coruña durante o ano 2024. "Que valoración fai o goberno municipal das súas políticas en materia de turismo durante o 2024?", cuestionará Soto, quen cualifica o último ano como "un ano perdido" neste eido.
Segundo o BNG, o Goberno Local non convoca a Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos desde marzo de 2024. Ademais, Soto denuncia que existen facturas do Consorcio sen pagar, por un importe de varias decenas de miles de euros, e que o programa de estabilización do persoal apenas avanzou tras un ano de espera.
O edil nacionalista tamén insta ao executivo municipal a cumprir compromisos clave, como a redacción do Plan Estratéxico de Turismo, a actualización do mapa de liñas do aeroporto de Alvedro ou a activación da publicidade do perfil do contratante na web do Consorcio. "A Coruña precisa unha política turística que explote todo o seu potencial, algo que o Goberno Local non está a impulsar", conclúe Soto.