O BNG acusa ao goberno de Betanzos de someter á veciñanza a subas de impostos e recortes

ACoruñaXa
Amelia Sánchez denuncia que o Concello está obrigado a aplicar un plan de axuste que inclúe subidas no IBI e IVTM, ademais de recortes no gasto de persoal e corrente
Amelia Sánchez Betanzos BNG
21 Out 2024

O BNG denunciou que o goberno local de Betanzos, liderado polo PSOE, está a provocar que as veciñas e veciños paguen as consecuencias da "pésima xestión económica" realizada nos últimos anos. A voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, criticou que a falta de control no gasto e o incremento de desembolsos superfluos levaron á necesidade de aprobar un plan de axuste que afectará a toda a poboación.

"A pesar das múltiples advertencias do BNG durante os últimos anos, o goberno local seguiu gastando sen control e incrementando os gastos superfluos. Agora, todas e todos os betanceiros pagarán as consecuencias desta política irresponsábel", sinalou Sánchez. O plan de axuste, segundo detallou, inclúe a subida dos impostos de bens inmobles (IBI) e do imposto sobre vehículos (IVTM), así como un recorte do 5% no gasto de persoal e no gasto corrente.

A pesar de criticar duramente a situación económica, o BNG anunciou que se abstendrá na votación do pleno extraordinario para aprobar este plan, ao considerar que bloquear a súa aprobación empeoraría aínda máis a situación financeira do concello. "Ímonos abster por responsabilidade, porque se o Plan de Axuste non se aproba, as consecuencias serían aínda máis graves para Betanzos. Pero iso non quita que sexamos claros: todo isto é resultado do desastre de xestión do PSOE", afirmou Sánchez.

O BNG tamén acusou ao goberno local de "dicir medias verdades" sobre a situación financeira. “Non imos permitir que se engane á veciñanza", criticou Sánchez, quen destacou que o goberno do Estado, ao obrigar a Betanzos a adherirse ao plan de pago a proveedores, puxo de manifesto a gravidade da situación.

Sánchez lembrou que a situación se agravou este ano, cando o goberno municipal decidiu seguir aumentando o gasto en festas e eventos, a pesar de coñecer a delicada situación económica. "É completamente irresponsábel gastar máis de 104.000 euros en protocolo e máis de 60.000 euros en publicidade mentres o concello está obrigado a pedir préstamos para pagar facturas pendentes", sentenciou a voceira nacionalista.

Sánchez concluíu asegurando que o BNG seguirá sendo "a alternativa responsábel" ao goberno do PSOE. “Non seremos parte deste problema, queremos ser parte da solución. O BNG sempre actuará pensando no mellor para Betanzos, fronte á incapacidade do PSOE para corrixir os seus erros e recoñecer a situación”, concluíu.

0.16329193115234