O BNG acusa á Xunta de negociar ás costas da veciñanza o novo trazado da vía Ártabra

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo denuncia supostos pactos coas alcaldías de Cambre e Oleiros para evitar alegacións e reclama garantías de que a infraestrutura non afectará á braña da Gándara
OLEIROS afectados via artabra bng
19 Nov 2026

O BNG acusa ao Goberno galego de actuar con escurantismo na tramitación do novo trazado da vía Ártabra e de utilizar esta infraestrutura para favorecer intereses políticos e urbanísticos. A deputada nacionalista Iria Taibo levou esta cuestión ao Pleno do Parlamento, onde reclamou á Xunta que faga público o proxecto e explique os acordos alcanzados cos gobernos municipais de Cambre e Oleiros.

Taibo cuestionou as negociacións mantidas polo Executivo autonómico cos dous concellos para, segundo denunciou, garantir que non presenten alegacións a unha proposta que aínda non foi publicada. A parlamentaria considera especialmente preocupante que se poidan establecer compromisos sobre un documento que a cidadanía aínda non coñece e que, ademais, podería entrar en contradición con acordos aprobados polo Pleno de Cambre.

A deputada tamén esixiu garantías de que a nova alternativa non terá impacto ambiental sobre a braña da Gándara, un espazo que xa estivo no centro das críticas ao trazado inicial da infraestrutura.

Unha circunvalación libre de peaxe

Durante a súa intervención, a representante do BNG defendeu que a vía Ártabra debe converterse nunha auténtica infraestrutura de vertebración da comarca coruñesa. Para iso, reclamou que sexa gratuíta e que conte con conexións coa AP-9 nos catro camiños de Pravio e coa A-6 á altura de Carral.

Taibo sostén que estas conexións permitirían configurar unha gran vía de circunvalación para mellorar as comunicacións dunha comarca que considera un dos principais motores económicos, sociais e demográficos de Galicia.

Porén, criticou que a actual revisión do proxecto poida estar condicionada por intereses particulares. Segundo a súa interpretación, o cambio de trazado respondería, por unha banda, ás necesidades urbanísticas do alcalde de Oleiros, relacionadas cunha urbanización que se comercializou con acceso directo á cidade da Coruña, e, pola outra, aos intereses políticos da alcaldesa de Cambre.

A deputada tamén lembrou que o Pleno de Cambre, xunto con diferentes colectivos veciñais e ambientais, se pronunciou en varias ocasións contra o trazado inicial que atravesaba as Brañas. Aquel proxecto foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2022.

Dúbidas sobre a protección da braña da Gándara

Outro dos puntos que centrou a intervención nacionalista foi a protección ambiental da braña da Gándara. Taibo reclamou que a Xunta acredite documentalmente que a nova proposta corrixirá as afeccións ambientais que se anunciaron publicamente, pero que, segundo denunciou, aínda non contan con documentación oficial que o confirme.

O BNG considera que a veciñanza debe coñecer tanto o trazado definitivo como as condicións dos posibles acordos entre a Xunta e os concellos afectados, antes de que avance a tramitación da infraestrutura.

A parlamentaria cualificou a historia da vía Ártabra como un exemplo da falta de compromiso do PP coa comarca da Coruña. Neste sentido, tamén criticou que os orzamentos autonómicos para 2027 manteñan a mesma partida que o exercicio anterior: 500.000 euros, unha cantidade que, segundo afirmou, aínda non comezou a executarse.

0.14097499847412