O BNG acada medidas de apoio ás familias de Betanzos para a volta ao colexio

ACoruñaXa
O Pleno aproba por unanimidade iniciativas para mellorar o transporte escolar, ofrecer bolsas para material educativo e axudas para a matrícula en centros culturais
A voceira nacionalista no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez
1 Out 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acadou o respaldo unánime do Pleno municipal para unha serie de medidas destinadas a aliviar o impacto económico da volta ás aulas para as familias betanceiras. A voceira do BNG, Amelia Sánchez, subliñou que este apoio resulta esencial nun contexto marcado pola crise económica e o aumento dos prezos.

Entre as propostas destacadas polo BNG atópase a demanda ao goberno local de negociar coas compañías de transporte colectivo para crear novas liñas que conecten Betanzos cos campus universitarios e os centros integrados de formación profesional (CIFP) da contorna. Sánchez salientou que a comunicación do concello con estes centros é deficiente e que a situación se viu agravada polos recortes no transporte público impostos pola Xunta de Galicia.

Ademais, o BNG logrou que o goberno local se comprometese a reactivar unha liña de bolsas para transporte e compra de material escolar, que no pasado xa estivera dispoñible pero que foi eliminada coa chegada da pandemia. "É fundamental que estas axudas se recuperen, especialmente para o ensino non obrigatorio, onde non existen outras bolsas que cubran a adquisición de material escolar", explicou Sánchez.

Outra das iniciativas aprobadas inclúe a creación dunha liña de axudas para a matrícula no Conservatorio de Betanzos e na Escola Municipal de Folclore, baseándose en criterios económicos. Con estas medidas, o BNG busca garantir que o acceso á educación e á cultura non se vexa condicionado polas dificultades económicas que sofren moitas familias da localidade.

0.15501117706299