O barro volve ser protagonista en Santa Cruz coa XXXII edición de Alfaroleiros

O Parque Luís Seoane de Santa Cruz volverá converterse no epicentro da olería tradicional coa celebración da XXXII edición de Alfaroleiros, que terá lugar do 5 ao 9 de agosto. A cita, organizada polo Concello de Oleiros, está considerada como un dos principais encontros dedicados á cerámica artesanal da Península Ibérica e unha das propostas culturais máis consolidadas do verán no municipio.
Nesta edición participarán 23 oleiros e oleiras procedentes de diferentes puntos de España e Portugal, que exhibirán e porán á venda pezas elaboradas de maneira artesanal representativas das distintas tradicións oleiras. O público poderá coñecer de preto as técnicas deste oficio e descubrir a diversidade da cerámica tradicional ao longo de cinco xornadas.
A programación irá máis alá da propia feira e combinará artesanía, música e actividades participativas. Haberá demostracións de olería, obradoiros para iniciarse no torno ou descubrir técnicas como o rakú, ademais de propostas familiares, xogos populares, espectáculos de circo e maxia e pasarrúas.
A música tamén terá un papel destacado nesta edición con actuacións de Abril, MJ Pérez, Camellos, Colectivo Panamera e Do Rivés, repartidas entre o Parque Luís Seoane e a Praza Esther Pita.
Alfaroleiros chega así á súa trixésimo segunda edición consolidado como un dos eventos máis emblemáticos de Oleiros, reunindo cada verán a mestres artesáns, veciñanza e visitantes arredor dun oficio tradicional que continúa mantendo vivo o seu valor cultural e patrimonial.