O barrio de Monte Alto celebra esta fin de semana as súas festas con Ailá, Lamatumbá e Fania Blanco Show
O barrio coruñés de Monte Alto vivirá un animado fin de semana de festa este venres 20 e sábado 21 de setembro, dentro da programación das Festas nos Barrios promovida polo Concello da Coruña. O Concello segue apostando pola deslocalización dos festexos, levando música e actividades a diferentes zonas da cidade.
As festas, organizadas en colaboración coa Asociación Veciñal Atochas, Monte Alto, A Torre, arrancarán o venres ás 22.00 horas no patio do colexio Víctor López Seoane, cunha verbena a cargo da orquestra Fania Blanco Show, un dos momentos máis esperados da celebración.
A xornada do sábado comezará de maneira máis reflexiva, co primeiro Roteiro da Memoria Cívica de Santo Amaro, unha visita ao cemiterio baixo o título ‘Xente que aínda segue en nós’, que terá lugar ás 10.30 horas. Despois, ás 13.30, a rúa da Torre acollerá unha sesión vermú amenizada polo grupo Son d’aquí.
Pola tarde, os máis pequenos e os maiores poderán gozar de xogos populares no Campo de Marte a partir das 16.30 horas, seguido da actuación de Desastronauts ás 18.45 no mesmo lugar.
O pregón das festas, programado para as 21.45 horas na rúa da Torre, será un dos momentos destacados do día. Este ano, a honra de dar o pregón recae sobre os responsables da sala de concertos Mardi Gras, en conmemoración do seu 25º aniversario. A continuación, a música continuará coas actuacións de dous recoñecidos grupos galegos: Ailá, que subirá ao escenario ás 22:00 horas, e Lamatumbá, que pechará a noite coa súa actuación ás 23.30.