O barrio coruñés do Castrillón encherase de festa con concertos e actividades desde o mércores

ACoruñaXa
A concelleira Nereida Canosa será a pregoeira das festas deste ano, que rematarán o venres cunha gran verbena a cargo da orquestra Marazul
Imaxe dunha edición anterior das Festas do Castrillón na Coruña
20 Ago 2024

O barrio do Castrillón comeza mañá as súas festividades, que se prolongarán ata o venres 23 de agosto. O evento, que terá lugar na praza de Pablo Iglesias, contará con tres xornadas de celebracións con concertos, actividades para todas as idades e eventos tradicionais.

A programación arrancará este mércores 21 de agosto cun concerto da polifónica coruñesa Canticorum ás 20.30 horas, seguido da lectura do pregón, que estará a cargo da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, ás 21.00 horas. A primeira xornada pecharase coa actuación de Gin Toni’s, que comezará ás 22.00 horas. Esta banda, que rinde homenaxe a clásicos da música nacional, traerá a súa xira '30 años soñando' ao Castrillón, cun concerto de balde.

O xoves 22 de agosto, o foco estará no tradicional concurso de tortillas, que alcanza a súa XV edición e comezará ás 18.30 horas. Este concurso será unha das atraccións principais, que precederá ás actuacións da noite, que contarán coa Asociación Cultural Donaire ás 21.00 horas e La Trova Coruñesa ás 22.00 horas.

O venres 23 de agosto, as festas continuarán con actividades para toda a familia. A xornada empezará ás 11.00 horas cun obradoiro de marcapáxinas e un intercambio de libros ás 11.30 horas. Ás 12.00 horas, Cascarillarte ofrecerá un espectáculo teatral para os máis pequenos, baseado en ‘Moby Dick’.

Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, realizarase unha sesión de xogos e deportes tradicionais co apoio do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). A festa culminará cunha gran verbena a partir das 23.00 horas, que contará coa actuación da orquestra Marazul.

Este evento é parte do esforzo do Goberno local para promover a celebración das festas en todos os barrios da cidade, fomentando a participación cidadá e a dinamización local.

0.1892077922821