O baixo-barítono Marko Mimica presenta o premiado recital 'Long Time Ago' na Tempada Lírica

ACoruñaXa
A Coruña acolle por primeira vez ao recoñecido artista croata, que actuará no Teatro Rosalía de Castro o 23 de outubro
Imaxe de Marko Mimica
17 Out 2024

O próximo mércores 23 de outubro, o Teatro Rosalía de Castro será o escenario do debut en Galicia do baixo-barítono Marko Mimica, quen presentará o seu aclamado recital Long Time Ago. Este recital, galardoado como o mellor da 74ª edición do Festival de Verán de Dubrovnik, incluirá un variado repertorio de cancións rusas, americanas e música de cámara francesa, e estará acompañado polo pianista cubano Marcos Madrigal. As entradas están á venda a partir de 10 euros en ataquilla.com, na praza de Ourense e no propio teatro o día do recital.

Actividades de outubro na Tempada Lírica

A programación da Tempada Lírica continúa durante o mes de outubro con diversas actividades de acceso libre, entre as que se inclúen proxeccións de ópera, concertos e presentacións literarias. Este xoves, 16 de outubro, proxectarase a ópera Edgar de Puccini na sede de Afundación ás 18:30 horas, mentres que o venres 17 a soprano Rocío Faus ofrecerá un concerto de Lírica Inclusiva no Centro Cívico de Monelos ás 19:00 horas. Ademais, o 24 de outubro, presentarase o libro Historia de la Zarzuela en viñetas de Manuel Rajal en Afundación ás 19:00 horas.

O mes de novembro estará marcado polo estreo absoluto da ópera Pálido punto azul, composta polo galego Javier Otero, que terá lugar o 12 de novembro no Teatro Rosalía de Castro. A gala de clausura da Tempada, o 29 de novembro, contará co debut en Galicia da soprano Ewa Płonka e coincidirá coa conmemoración do centenario do falecemento de Giacomo Puccini. O evento será no Teatro Colón e as entradas para este e outros eventos poden adquirirse en ataquilla.com e na praza de Ourense.

 

0.17289900779724