O Auditorio Municipal de Ourense acolle a entrega de premios do Certame de Cinema Escolar 2026

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Centros de toda Galicia participaron nesta iniciativa que promove o uso do galego e a creatividade audiovisual entre o alumnado
premios Cinema Escolar 2026 Ourense
16 Nov 2026

O Auditorio Municipal de Ourense acolleu este luns a cerimonia de entrega de premios do Certame de Cinema Escolar 2026, un concurso no que participou alumnado de vinte centros educativos de toda Galicia.

A iniciativa está impulsada pola concellería de Educación, en colaboración coa Xunta de Galicia, cun triplo obxectivo: fomentar o uso do idioma galego entre a mocidade, dar a coñecer a mirada xuvenil sobre a súa contorna social e cultural, e estimular tanto a creatividade audiovisual como o traballo en equipo entre o alumnado.

Ao acto asistiron a concelleira de Educación, Tamara Silva, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ademais das persoas integrantes do xurado encargado de valorar os traballos presentados: Marta Rodríguez, Manuela Maseda, Carmen Nogueira Blanco, Fernando González e Ana B. Cacabelos.

Canto ao palmarés, na categoría de Infantil e Primaria impúxose a curtametraxe ‘Soñar’, realizada polo alumnado do CEIP Xesús Golmar de Lalín, mentres que na categoría que agrupa ao resto de niveis non universitarios o primeiro premio recaeu en ‘Fogar’, obra do IES Eusebio da Guarda.

O segundo posto na categoría de Infantil e Primaria foi para ‘Nariz de ouro’, do CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerdedo, e na outra categoría para ‘O avellón’, do IES de Chapela, en Vigo.

Os terceiros premios corresponderon a ‘A sétima cara’, do CEIP Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás, na categoría de Infantil e Primaria, e a ‘Palestina’, do IES As Barxas de Moaña, na categoría dos demais niveis educativos.

O certame recoñeceu tamén o mellor guión en cada unha das dúas categorías: en Infantil e Primaria, o galardón foi para ‘Instrución para falar en galego’, do CEIP José Cornide Saavedra, na Coruña; e na outra categoría, para ‘Toda a verdade’, do IES Río Miño de Rábade.

Por último, o xurado outorgou unha mención especial ao traballo ‘Dona de min’, presentado polo IES de Chapela, en Vigo.

0.1554160118103