O Auditorio Gabriel García Márquez en Oleiros acolle a obra 'As Alumnas' este sábado
O vindeiro sábado 5 de outubro, ás 20.30 horas, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera acollerá a representación da obra As alumnas, unha peza teatral escrita por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja.
A obra presenta a dúas mulleres que foron antigas alumnas da mestra María Barbeito, quen deixou unha fonda pegada nas súas vidas. Ao falecer a mestra en 1970, as dúas protagonistas reatopan o seu vínculo, rememorando as leccións e experiencias compartidas na infancia, antes de que María Barbeito fose apartada do ensino polo Comité de Depuración. As alumnas explora, a través das cartas que estas dúas mulleres lle escribiron á súa mestra, temas como o medo, a rebeldía e o impacto das decisións na vida de cada persoa.
O espectáculo, cunha duración de 70 minutos, está dirixido a un público maior de 12 anos. As entradas teñen un custo de 4 euros e poden adquirirse en liña a través do seguinte enlace dende o 29 de setembro ata o mesmo sábado 5 de outubro ás 19.00 horas. Ademais, haberá venda de entradas na billeteira do auditorio unha hora antes do comezo da función, sempre que haxa dispoñibilidade.
No escenario estarán as recoñecidas actrices Anabell Gago e Mónica Camaño, ofrecendo unha representación que mestura emoción e reflexión sobre a amizade, a influencia docente e o paso do tempo.