O auditorio Gabriel García Márquez acolle o sábado a obra 'Frío' de A Feroz
O auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros será escenario este sábado 30 de novembro, ás 20:30 horas, da representación de 'Frío', unha produción da compañía A Feroz dirixida por Lorena Conde. O espectáculo, inspirado libremente na obra O abrigo de Nikolái Gógol, combina teatro físico, máscaras e música en directo para ofrecer unha experiencia escénica única.
A trama presenta a Akaki, un personaxe atrapado na monotonía da rutina, quen de súpeto descobre unha nova necesidade que se transforma nun desexo inesperado, rompendo o equilibrio da súa vida cotiá. Frío explora a transición entre o clarescuro da monotonía e as luces brillantes do cambio.
Con 85 minutos de duración, a obra está dirixida a público maior de 12 anos. As entradas teñen un prezo de 4 euros e poden adquirirse en liña a través de www.giglon.com ata unha hora antes do inicio, ou presencialmente na billeteira do auditorio desde as 19:30 horas do mesmo día.