O Atlantic Pride crea unha noite propia para celebrar o drag coruñés

O Atlantic Pride 2026 incorporará este verán unha nova proposta ao seu programa coa estrea do 'Atlantic Drag!', unha xornada específica pensada para render homenaxe á escena drag coruñesa e á súa pegada cultural, artística e nocturna na cidade. A nova cita celebrarase o luns 6 de xullo na Praza de Pontevedra, dentro da sétima edición do festival, que volverá á Coruña do 5 ao 12 de xullo.
A organización presenta esta novidade como unha celebración do talento local e como un espazo para recoñecer a forza escénica, a creatividade, a liberdade e a capacidade reivindicativa dunha arte que considera xa esencial na identidade cultural coruñesa. Na primeira edición do 'Atlantic Drag!' participarán Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Kit, Meri Krishna, Muna Duval, Nomi Bull, Rrrita, Xen e Yvhanne Klown.
O festival destaca A Coruña como unha cidade que conta cunha escena drag 'viva, diversa e con personalidade propia', capaz non só de entreter e emocionar, senón tamén de construír comunidade e ampliar os límites da expresión cultural. Nesa liña, o novo formato nace coa vontade de darlle protagonismo ás artistas da casa e converterse nun punto de encontro arredor da visibilidade, a liberdade e o orgullo.
O 'Orgullo do Norte' manterá así a súa aposta por unha programación lúdica, cultural e reivindicativa arredor da diversidade afectivo-sexual. O Atlantic Pride un ano máis busca visibilizar esa diversidade, ofrecer propostas gratuítas para a cidadanía e reforzar o papel da Coruña como espazo aberto e amigable para a comunidade LGTBIQ+.