O artista Rubén Santiago clausurará a súa exposición 'Ante a Inminencia' na UDC

O artista sarriano, Rubén Santiago, poñerá punto e final a súa exposición 'Ante a Inminencia' no Cubo de Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. O evento será este xoves 15 de febreiro ás 19.00 horas e acollerá un coloquio entre o artista; a comisaria da exposición, Susana González; e o investigador e profesor Juan Luis Toboso, curador sénior da Galería Municipal do Porto entre os anos 2019 e 2024.
Deste xeito, pecha así esta exposición, inaugurada o pasado mes de outubro, para a que Rubén Santiago retirou a auga do pozo do Castelo de San Antón, encapsulando 150 litros en 10.000 viais de vidro e drenando o resto ao mar. Tamén retirou as moedas, procedentes dos desexos das persoas visitantes, para mostralas na exposición e poñelas ao servizo da cidadanía a través dunha votación popular non vinculante que permita determinar o seu posterior destino.
Sobre Rubén Santiago
Rubén Santiago naceu na localidade lucense de Sarria no ano 1974. Estudou escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e na Escola de Arte Massana de Barcelona. A súa práctica artística examina os mecanismos mediante os que se forma a memoria colectiva, ao tempo que reflexiona sobre como as institucións regulan a concesión do valor simbólico. A súa obra abarca instalacións, proxectos contextuais e específicos, mecanismos en liña, traballos en vídeo, obxectos, publicacións e outros artefactos culturais.
Na actualidade reside e traballa en Porto, Portugal. Expón internacionalmente de xeito regular desde o inicio dos anos 2000. Ten presentado obras en espazos como o Van Abbe Museum, en Eindhoven (Países Baixos); o Centre Pompidou, en París (Francia); o CCCB (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona); o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea); e o CCEBA, en Buenos Aires (Arxentina), entre outros. Tamén participou en programas de arte pública, así como en galerías e espazos experimentais e proxectos colectivos.
A súa obra atópase en coleccións do Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela; Afundación en A Coruña; Mediateca do C.C. Montehermoso en Vitoria-Gasteiz; Fundação PLMJ en Lisboa (Portugal); Galería de Arte Luis Adelantado en Valencia, e coleccións privadas.