O aparcadoiro da estación intermodal da Coruña terá máis de 250 prazas
A Xunta vén de asinar, de xeito telemático, a adenda ao convenio co Concello da Coruña e con Adif para materializar o incremento da capacidade do aparcadoiro da estación intermodal da Coruña, que acadará máis de 550 prazas de estacionamento.
O obxectivo deste acordo é aumentar en máis de 250 as prazas inicialmente previstas no aparcadoiro da estación intermodal. Unha vez asinado en marzo de 2022 o acordo entre as tres administracións para a o impulso da estación intermodal, a Xunta, que executa a estación de autobuses e o aparcadoiro, avaliou tecnicamente a proposta da ampliación das prazas de aparcamento. O proceso construtivo debe adaptarase agora a este incremento de prazas.
En paralelo, o Goberno galego tamén levou a cabo a tramitación desta modificación a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.
Coa sinatura da adenda ao convenio, autorizada polo Goberno galego na reunión do Consello da Xunta o pasado día 25 de xaneiro, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o compromiso de construír e financiar a nova estación de autobuses integrada na termina ferroviaria de San Cristóbal, ademais de executar os aparcadoiros e os elementos comúns coa estación de tren, que remodela Adif, preparándoa para recibir o AVE, cando chegue á cidade.
Esta ampliación das prazas de estacionamento supón un incremento de 1,8 millóns de euros sobre o orzamento estimado inicialmente, que financiará, principalmente, Adif, segundo o reparto das responsabilidades económicas establecidas no convenio asinado e como futuro titular do aparcadoiro.
A Estación Intermodal da Coruña avanza a bo ritmo
O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa tamén progresando nas obras que lle competen, segundo o establecido no acordo de colaboración, para a construción da terminal de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns, que avanzan a bo ritmo.
Estas intervencións posibilitarán pasar do autobús ao tren en menos de 5 minutos desde unha nova terminal que acollerá máis de 500 expedicións diarias e 2,7 millóns de viaxeiros ao ano.
A terminal contará cun nivel superior ao que se accederá desde a avenida da Sardiñeira e albergará o edificio de viaxeiros, 20 dársenas de operación e a pasarela peonil de comunicación coa avenida do Ferrocarril; e cun nivel inferior, onde se situará o aparcadoiro.
A estación intermodal da Coruña, no seu conxunto, é froito da colaboración entre a Xunta, Adif e o Concello, que mobilizarán un investimento global de 120 millóns de euros, dos cales 20,57 millóns de euros son achegados pola administración autonómica. O Executivo autonómico está a acometer as obras da estación de autobuses co aparcadoiro de turismos, cun investimento de 32,4 millóns de euros, dos que asume o 60% do importe e o Concello contribuirá co restante 40%.
O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén executa as obras dos elementos comúns entre a estación de autobuses e a terminal ferroviaria, cun investimento de 10,8 millóns de euros, que cofinanciarán as tres administracións.
A remodelación da estación ferroviaria corresponderalle a Adif e os accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril serán executados e financiados polo Concello da Coruña.