O antigo convento de San Francisco na Coruña converterase nun xacemento arqueolóxico
O Concello da Coruña realizará actuacións de mellora no antigo convento de San Francisco co obxectivo de acondicionalo e poñelo en valor como xacemento arqueolóxico, recuperando un dos espazos históricos da Cidade Vella. O Goberno local ten previstas unha decena de intervencións por valor de 2,1 millóns de euros para a mellora e dinamización do patrimonio cultural e histórico da Cidade Vella.
O proxecto, redactado polo estudo RVR arquitectos, recolle diferentes actuacións. No canto do exconvento de San Francisco, acometerase a mellora da accesibilidade ao enclave para a realización de visitas ao xacemento. Acondicionarase un novo camiño de acceso habilitando a porta existente, actualmente pechada, que delimita coa praza de Carlos I, prolongando o percorrido a todo o perímetro do xacemento. Para iso, o Concello pavimentará con laxes de pedra a parte inferior da Fundación Luís Seoane, que dará continuidade ao existente, prolongándoo ata o peche, e renovará o actual. Deste xeito, os dous camiños que arrodean o espazo rematarán no xacemento.
Ademais, crearase un novo peche perimetral máis resistente, que substitúa o actual de madeira, por un deseño máis calado que permita visibilizar o xacemento e integralo coa zona axardinada. Será de trazado sinuoso para a súa adaptación á xeometría do xacemento, en barras verticais de aceiro, con separación entre elas, similiares ás localizadas na Porta de San Miguel. Seguindo o mesmo esquema, substituirase a varanda próxima á Fundación, que actualmente dispón dun trazado obsoleto, posto que xa non existen as árbores que envolvía.
Sobre o xacemento, tamén se realizarán pequenas actuacións de limpeza e acondicionamento das fachadas, así como a impermeabilización da coroa do muro que une a torre da igrexa da Orde Terceira e o Museo Militar, arranxando ou substituíndo os elementos en mal estado.
En canto á iluminación, instalaranse novas lámpadas, con soportes integrados na contorna e luz rasante adecuada ao propio xacemento. Taméns se disporán novos paneis interpretativos, con soportes similares aos do peche perimetral, mellorando o aspecto e vista dos restos arqueolóxicos polos visitantes. Ademais, acometeranse outras pequenas melloras como a substitución do enreixado das xanelas do museo Militar por paneis metálicos.