O alumnado do CEIP Sada e os seus Contornos converte a vila nun gran mercado mariñeiro solidario

O alumnado do CEIP Sada e os seus Contornos puxo o broche final a meses de aprendizaxe sobre o mar e a identidade da vila coa celebración dun Mercado Mariñeiro que reuniu á comunidade educativa arredor do proxecto MareSada, unha iniciativa que durante todo o curso permitiu aos escolares descubrir a riqueza ambiental, cultural e económica vinculada ao mundo mariñeiro.
A actividade serviu para mostrar o traballo desenvolvido ao longo do ano e transformou o centro educativo nun espazo no que os nenos e nenas compartiron cos visitantes os coñecementos adquiridos a través de diferentes propostas e produtos elaborados por eles mesmos. Ademais, a recadación obtida durante a xornada terá un carácter solidario, xa que será destinada a unha entidade sen ánimo de lucro.
O proxecto MareSada levou ao alumnado a explorar diferentes aspectos relacionados coa tradición marítima da localidade. Durante os últimos meses, os escolares afondaron no coñecemento das embarcacións tradicionais, a gastronomía ligada ao mar, os faros da costa galega ou fenómenos naturais como o Mar de Ardora, unha das manifestacións máis espectaculares da bioluminiscencia mariña.
A iniciativa tamén incluíu numerosas saídas educativas para coñecer de primeira man a actividade vinculada ao sector marítimo. Entre elas destacan as visitas á lonxa de Sada, ao Museo Naval de Ferrol e ao Acuario da Coruña, experiencias que permitiron ao alumnado achegarse á historia, á pesca, á biodiversidade e á importancia económica do mar en Galicia.
O proxecto contou ademais coa colaboración de entidades especializadas como Mar de Mares, CEIDA, Hábitat, Os Patexeiros e ACERGA, que contribuíron a ampliar a formación dos estudantes e a reforzar a conexión entre a escola e o entorno.
Ata o mercado desprazáronse a concelleira de Educación e Deporte, Rebeca Mouriño, e o concelleiro de Cultura, Marcos Villar, que quixeron coñecer de preto o resultado dun traballo que o Concello considera un exemplo de educación ligada ao territorio e á identidade local.
Desde o goberno local destacaron a importancia de iniciativas deste tipo para que as novas xeracións coñezan e valoren o patrimonio mariñeiro de Sada, unha vila que historicamente mantivo unha estreita relación co mar e coa actividade pesqueira. O proxecto, sinalan, contribúe a que os escolares comprendan a relevancia deste legado e o sintan como parte da súa propia identidade.