O AdventoCIPAX de Culleredo trae 21 días de agasallos para a mocidade
O Concello de Culleredo, a través da área de Xuventude, retoma os sorteos do #AdventoCIPAX para estas festas do Nadal. A iniciativa comeza hoxe, 9 de decembro, e prolongarase ata o Día de Reis, o 6 de xaneiro, con sorteos diarios de luns a venres durante 21 días.
Os participantes poderán optar a premios como unha tableta, un tocadiscos, xogos ou sudadeiras. Cada día publicarase un sorteo novo cun prazo de participación de 24 horas, e os gañadores e gañadoras anunciaranse semanalmente na web municipal e nas redes sociais de Xuventude Culleredo.
As bases dos sorteos están dispoñibles na páxina web oficial. Para participar, as persoas interesadas deberán interactuar cos perfís do CIPAX en Facebook, X (Twitter) e Instagram. Entre os requisitos inclúense mencionar a un amigo ou amiga nas publicacións, responder a preguntas ou enviar unha imaxe cando se solicite, ademais de seguir os perfís oficiais de Xuventude Culleredo.